publicidade hoxe

Un intercambio provincial permitirá a 500 coruñeses coñecer a neve e que 200 leoneses practiquen deportes náuticos na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesGalicia exterior
A-
A+
A Deputación da Coruña porá en marcha este ano unha campaña na estación de San Isidro, na provincia de León, para que ata un  máximo de 500 rapaces da provincia de entre 10 e 13 anos poidan gozar dunha fin de semana de estadía na neve.

O programa realizarase no marco dun convenio de colaboración coa Deputación de León, que a cambio poderá traer a douscentos rapaces desta provincia a participar nos campamentos de verán que organiza a institución coruñesa no centro Calvo Sotelo.

A falta da redacción definitiva do acordo, a Deputación contactará con todos os concellos da provincia para saber cales están interesados en sumarse a este programa. Unha vez que se saiba o número definitivo, repartiranse as prazas, cun mínimo de tres por concello segundo a súa poboación. No caso en que haxa máis demanda que oferta, igual que sucede nas convocatorias dos campamentos de verán, farase un sorteo entre todos os solicitantes.

As solicitudes deberán presentarse nos concellos, que serán os que remitirán finalmente os nomes dos participantes á Deputación. 

En principio a campaña comezará a mediados do mes de febreiro, e levarase a cabo en cinco quendas de 100 nenos cada unha.

O obxectivo deste programa, segundo explicou o presidente Diego Calvo, é fomentar que os nenos da provincia poidan familiarizarse cos deportes da neve mentres que os rapaces de León farán o mesmo coas prácticas náuticas.
8 de xaneiro de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.