Un grupo de vilagarciáns aprende a facer tapas, pinchos e canapés nun curso do programa Actívate

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Xuventude retoma a súa programación formativa para a mocidade coa organización dun curso de elaboración de tapas, pinchos e canapés no que participarán 25 persoas a partir do vindeiro luns, 13 de xaneiro. Os alumnos terán a oportunidade de aprender mediante a práctica a preparación deste tipo de aperitivos, recibindo unha formación válida no sector da hostalaría, un dos que ofrecen maiores saídas laborais na nosa comarca.

O curso promovido pola concellería que dirixe Sandra García organízase a través do programa Actívate da Deputación. As clases impartiranse no Centro Socio Cultural de Trabanca Badiña que está dotado cunha cociña na que realizar as prácticas. A duración total da acción formativa é de 40 horas lectivas que se desenvolverán de luns a venres, do 13 ao 24 de xaneiro en horario de 10 a 14 horas.

Os alumnos aprenderán neste curso a clasificar distintos tipos de aperitivos e tapas, a realizar as técnicas precisas para a elaboración deste tipo de cociña e a facer presentacións orixinais e atractivas das mesmas. O monitor tamén tratará de que os alumnos apliquen as técnicas de preparación dos aperitivos de maneira áxil e dinámica e que saiban compaxinar as diferentes texturas que comprenden os ingredientes que se poden utilizar en cada unha delas.

O temario abordará, tanto de maneira teórica como práctica aspectos como o orixe das tapas e os sandwiches, as propiedades nutricionais dos aperitivos, a preparación de tapas básicas, pinchos e banderillas; a elaboración, presentación e servizo de canapés fríos e quentes; a preparación de tostas e a decoración nos aperitivos con especial atención ao uso das froitas na decoración gastronómica.

O obxectivo principal dos cursos que organiza a Concellería de Xuventude e os que se organizan a través do Programa Actívate son formar á mocidade en campos que lles poidan servir para acceder ao mercado laboral, xa sexa por conta allea ou propia. De aí que o curso remate cunha xornada na que se lle exporá aos alumnos algúns conceptos e ideas sobre o emprendemento centrada na elaboración de tapas, pinchos e canapés.

9 de xaneiro de 2014 | 10:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.