Un contacontos amenizará a inauguración da biblioteca de Paiosaco, na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Con motivo da celebración do acto de inauguración da nova biblioteca municipal de Paiosaco, o auditorio do centro sociocultural desta localidade acollera o venres a partir das 18.00 horas o contacontos infantil titulado Contos nas orellas, dirixido preferentemente a nenos maiores de dous anos de idade e interpretado pola compañía Migallas Teatro.

A tradición oral da man da literatura infantil levará aos asistentes a entrar no mundo da fantasía e a imaxinación da man dos relatos que contará Bea Campos, sempre acompañada da música de David González, durante o espectáculo, no que se contarán cinco relatos: O tren de Martiño, Sacapenas, Os tres porquiños, Once damas atrevidas e O conto da granxa.

A entrada será libre e gratuíta para todos os veciños do Concello da Laracha.

Precisamente os nenos terán un espazo especialmente deseñado para eles na zona infantil de nova biblioteca de Paiosaco, que trala inauguración oficial permanecerá aberta desde a próxima semana de luns a venres en horario de 17.00 a 20.00 horas. Contará, tamén, con áreas de estudo e consulta de libros, zona de lectura da prensa diaria e equipamento informático con acceso gratuíto á Internet para os usuarios.

A biblioteca municipal de Paiosaco foi creada e equipada coa colaboración da Xunta de Galicia e está integrada na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

8 de xaneiro de 2014 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.