Un coitelo ou unha machada serían as posibles armas da morte de dúas mulleres en Cervo
Os investigadores barallan un coitelo ou unha machada como posibles armas da morte de dúas mulleres de 72 e 45 anos, nai e filla respectivamente, achadas falecidas na vivenda familiar no municipio de Cervo (Lugo).
Así o indicaron fontes da investigación, que sinalaron que unha das vítimas estaba boca abaixo nun charco de sangue no chan e a outra na cama na mesma posición.
Ademais, as mesmas fontes da investigación sinalaron que á muller achada boca abaixo na cama apreciábaselle un golpe na zona posterior da cabeza.
Sobre o mediodía deste martes foron achadas mortas dúas mulleres de 72 e 45 anos de idade, nai e filla, respectivamente, de nacionalidade española e veciñas do municipio lucense de Cervo.
O individuo buscado como presunto autor da morte da súa muller e a súa sogra no domicilio familiar é un home de 52 anos, de nacionalidade española e veciño da localidade. Non hai constancia de que a muller do presunto autor dos feitos presentase denuncias previas.
A Garda Civil trata de localizar ao marido dunha das vítimas e presunto agresor de 52 anos, cónxuxe da muller de 45 anos e xenro da muller de 72, tamén español e veciño da localidade.
A Garda Civil de Burela (Lugo) mantén aberta a investigación e patrullas da Unidade de Tráfico, Policía Xudicial e Seguridade Cidadá do Instituto Armado buscan ao home.
De determinarse que se trataría de vítimas de violencia de xénero, sería o primeiro caso en Galicia este ano e o segundo en España no que vai de 2014.











