Un cento de cativos aprenden a elaborar adornos de vidro nos obradoiros do Museo de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

Preto dun cento de nenas e nenos aprenden estes días a elaborar adornos de Nadal con contas de vidro, nun dos obradoiros postos en marcha polo Museo de Pontevedra como complemento á mostra Sopros de Nadal e co obxectivo de lles achegar ós máis cativos ó coñecemento do Museo.

Os obradoiros, que inicialmente estaban previstos para o 26 e 27 de decembro e para o 2 e 3 de xaneiro, tiveron que se ampliar en dous días (o 23 e 30 de decembro), ante o elevado número de solicitudes recibidas que, malia á ampliación de prazas, non puido ser cuberta na súa totalidade, quedando algúns solicitantes nunha relación de espera.

Os obradoiros, dirixidos a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, están a ter unha grande acollida xa que os pequenos aprenden xogando.

Árbore dos desexos

Así, a actividade comeza cunha visita á citada exposición, na que os participantes non só coñecen a arte do soprado de vidro e os detalles da mostra, senón que teñen ocasión de  depositar os seus desexos para o novo ano na “árbore dos desexos”, que este ano o Museo incluíu no Sexto Edificio e que está a ser moi ben acollido non só polos nenos, senón tamén polos maiores que se achegan de visita e que non dubidan en pendurar dela as súas peticións.

Unha vez concluída esta fase o obradoiro continúa cunha parte práctica, onde os participantes aprenden a elaborar adornos de Nadal con contas de vidro –que logo levarán para a súa casa– e péchase cun xogo para animar os máis pequenos a coñecer os fondos do Museo.

Buscando o Nadal no Museo

O xogo, titulado “Atopando o Nadal no Museo”, está organizado a modo de procura do tesouro, de xeito que os participantes reciben unha ficha con imaxes de obras expostas e que deben relacionar co Nadal. Posteriormente, teñen que localizar as pezas ó longo das diferentes salas do Sexto Edificio nas que se atopan.

Trátase de seis obras que poden estar relacionadas con estas datas de diferentes modos (paisaxes invernais, beléns, anunciacións ou bodegóns, entre outras) e que os pequenos se esmeran en localizar. Ademais, a última das obras que teñen que buscar engade unha dificultade, dado que non se lle entrega en imaxe completa, senón en pequenos anaquiños que deben montar a modo de crebacabezas, pegar na ficha e, de seguido, intentar atopala no Museo.

As obras que deben procurar son un tímpano en granito do século XV representando a Anunciación e a Epifanía; un baixo relevo en madeira coa adoración dos pastores, o cadro Paisaxe de inverno, de Serafín Avendaño; Retrato de nena con xoguetes, de Manuel Ángel Álvarez; e Bodegón, de Rafael Alonso. Finalmente, En el Portal de José y María, de José Frau, é a que se lle entrega en forma de crebacabezas.

O obxectivo que se persegue con este xogo é ensinarlles ós nenos e nenas a valorar e apreciar o patrimonio e achegalos á riquísima colección do Museo de forma amena e divertida.

3 de xaneiro de 2014 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.