Un amplo operativo busca en Tomiño a un home que desapareceu o mércores cando saíu a dar un paseo

José Álvarez Vilar, desaparecido en Tomiño
Un amplo operativo integrado por “entre 50 e 60 persoas” e composto por veciños e efectivos de Garda Civil, Policía Local e Protección Civil busca en Tomiño (Pontevedra) a José Álvarez Vilar, duns 80 anos, que desapareceu o pasado mércores tras saír a dar o seu paseo diario despois de almorzar.
Fontes da Policía Local explicaron que a procura iniciouse este xoves, cando a familia coa que residía na parroquia de Estás deu a voz de alarma, as tarefas céntranse na zona entre Figueiró e Goián.
Precisamente, a parroquia de Figueiró é o último lugar no que Álvarez Vilar foi visto por unha veciña e os efectivos que integran o operativo de procura temen que José se desorientara ou poidera caer nalgunha pista forestal do municipio.
José padece unha pequena deficiencia psíquica, aínda que non precisa de tratamento, é de baixa estatura e camiña con dificultade.
Os familiares e as Forzas de Seguridade agradecen a calquera que poida ter información sobre o seu paradoiro que chamen de inmediato ao 062.











