Un almanaque con fotografías de todas as parroquias promociona o Concello de Castrelo de Miño
Traballadores do Concello de Castrelo de Miño remataron de repartir nestes días por todas as casas do municipio un almanaque turístico e promocional do ano 2014. As autoridades locais consideran que se trata dunha iniciativa coa que se pretende ‘pór en valor os recursos turísticos e patrimoniais’, segundo apuntou o alcalde Xurxo Rodríguez.
O almanaque consta dunha páxina na que se recolle un directorio municipal con todos os contactos do Concello, e de 12 fotografías, unha por mes, con imaxes de tódalas parroquias.
Este é o cuarto ano que se leva adiante esta iniciativa. Neste ano 2014 voltou a repetirse a edición e reparto do almanaque, xa que foi unha das iniciativas máis demandadas polos veciños e veciñas de Castrelo de Miño. De feito, como se pode apreciar recolleronse varias solicitudes e suxestións veciñais aos almanaques de anos anteriores para melloralos:
– Un recadro en branco en cada día para poder facer anotacións
– Incorporación do santoral, con todos os nomes en galego.
– Indicacións das datas do cambio de estacións
– Indicación das datas do cambio de hora no inverno e no verán
– Indicación das datas da feira de Castrelo de Miño.
– Incorporación dun listado municipal con todos os contactos do Concello de Castrelo de Miño.
Ademais este almanaque do ano 2014, foi un calendario feito polos propios veciños, xa que se contou coa colaboración desinteresada de moitos veciños que foron achegando as súas fotografias.
Fases lunares
Ademais, apuntan as autoridades municipais que se puxo especial empeño durante a súa elaboración en reflexar as distintas fases lunares para que os veciños coñezan os momentos óptimos para a realización das diferentes labores do campo. Por outra banda, o rexidor destaca que ‘tamén ten unha función turística e promocional fóra de Castrelo de Miño’, xa que está previsto a súa distribución en distintas feiras turísticas’.
A primeira delas, será a presentación que se realizará na Feira de Castrelo que terá lugar o vindeiro domingo 26 de xaneiro, e na Feira Xantar de Ourense no mes de Febreiro.