Un acordo parlamentario permitirá que Galicia conte cun maior peso no proceso de toma de decisións
A presenza das rexións no proceso de toma de decisións a nivel europeo verase reforzada ao longo do presente ano grazas á sinatura por parte da mesa do Comité das Rexións dun acordo de cooperación interinstitucional co Parlamento Europeo. Este texto, que a eurocámara xa ratificara no mes de decembro do ano pasado, aposta por consolidar a cooperación nos eidos administrativo e político entre ambas institucións, cuestión que se prevé comezará a funcionar antes das eleccións europeas de maio.
No campo político, o acordo supón unha maior participación dos relatores do CdR na actividade parlamentaria colaborando coas comisións de traballo en expedientes da súa competencia, tendo a ocasión deste xeito de contribuír indirectamente nas reunións a tres bandas entre o Parlamento Europeo, o Consello de Ministros da UE e a Comisión. Así mesmo, o acordo busca a intensificación das relacións entre os presidentes das comisións do CdR e os seus homólogos no Parlamento Europeo, establecendo dúas reunións anuais entre eles nas que se debatirá a cooperación lexislativa e se analizará o plan de traballo da Comisión Europea.
“Este acordo é un paso máis no recoñecemento do Comité das Rexións como interlocutor no deseño e implantación das políticas europeas. A cámara que representa os territorios ten que entenderse ben no seu programa de traballo e nos distintos ditames coa institución que representa aos cidadáns dos Estados membros. Ese é o camiño para achegar Europa aos cidadáns”, sinalou respecto ao acordo o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.
Reforzo do traballo conxunto da Eurorrexión
A representación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no CdR verase reforzada a partir deste pleno grazas á a incorporación de José María Costa, alcalde de Viana do Castelo e presidente do Eixo Atlántico, rede de municipios do Noroeste Peninsular. O novo membro do Comité mantivo un encontro con Jesús Gamallo co obxectivo de analizar as posibilidades de traballo conxunto para defender os intereses da Eurorrexión nas institucións europeas, e máis concretamente na asemblea de representantes locais e rexionais da que ambos forman parte.
Estratexias europeas sobre enerxía, cambio climático e protección forestal
Neste primeiro pleno do ano discutíronse e aprobáronse doce ditames sobre diferentes cuestións como a creación dunha fiscalía europea, a educación superior, a política climática e enerxética, a protección forestal ou a xestión de residuos.
Galicia defendeu varias emendas ao ditame referido ao novo marco para as políticas de clima e enerxía en 2030, no que o CdR insta á Comisión a incluír un obxectivo común vinculante dun 50% para a redución de gases de efecto invernadoiro na UE, así como un reparto entre Estados membros do esforzo para tal mingua. Tamén se sinalan as oportunidades laborais, sociais e medioambientais que representa a transición a unha economía hipocarbónica, recordando que é imprescindible que tal proceso non implique unha suba desproporcionada dos prezos enerxéticos ou das cargas fiscais para os cidadáns.
Tamén se secundaron oito emendas respecto ao ditame sobre “Unha nova estratexia da UE en favor dos bosques e o sector forestal”, onde se solicitaba o recoñecemento e a aposta explícita polo sector da madeira como xerador dunha cadea de valor sostible, e polo tanto se expresaba a necesidade de determinar como obxectivo da política forestal comunitaria o aumento da superficie arborada e a súa produtividade, aproveitando as diferenzas e multifuncionalidade dos bosques europeos.
Presenza doutras institucións
A primeira xornada do pleno contou coa intervención do presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, que tratou cuestións de actualidade como os primeiros signos de recuperación ou as próximas eleccións europeas, de vital importancia xa que, segundo afirmou “Europa non é o problema, Europa é a solución”. Tamén foron invitados a ocupar o estrado ao longo das dúas sesións do pleno o ministro grego de Interior, Yannis Michelakis, que presentou o programa da Presidencia grega de quenda, e o vicepresidente da Comisión Europea e responsable de Asuntos Económicos e Monetarios Olli Rehnl, que felicitou ó CdR polo seu activo papel na modelación da gobernanza económica.
Na primeira sesión deste 105º Pleno do CdR, Jesús Gamallo vestiu un pano amarelo como símbolo de apoio á delegación italiana, quen reclamou o apoio da UE para a liberación de dous militares do país retidos en India acusados dun delito de homicidio que se enfrontan a unha posible pena capital.
Durante a última xornada, o Comité das Rexións adoptou unha Resolución sobre a situación en Ucraína na que se trasladou unha mensaxe de apoio aos seus cidadáns e ás entidades locais e rexionais que están a defender os ideais e valores de Europa.
O Comité das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 353 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio Presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Na actualidade Galicia participa en dúas das seis comisións do Comité das Rexións: na comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Cohesión Territorial (COTER). A Fundación Galicia Europa realiza labores de asesoramento e apoio á participación galega neste órgano comunitario, tanto nas comisións de traballo como nas sesións plenarias.











