Un 70% dos participantes no proxecto “Ferrol punto de emprego II” acadaron a súa inserción laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, deu conta esta mañá do desenvolvemento do proxecto “Ferrol punto de emprego II (2012/2013)” na comisión informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos. O Goberno Municipal de Ferrol puxo en marcha en febreiro de 2012 esta iniciativa, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), e acadou a prórroga do proxecto ata xullo do presente ano, o que permitirá impartir tres cursos de formación máis.

Un total de 12 itinerarios de inserción socio-laboral integran “Ferrol punto de emprego II”, dos cales nove están rematados e tres serán realizados no 2014 gracias á ampliación da axuda europea. A edil de emprego sinalou que durante os anos 2012 e 2013 foron impartidas as seguintes accións formativas: coidados de persoas discapacitadas físicas e psíquicas; peixaría; atención sociosanitaria a persoas no domicilio con certificado de profesionalidade; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais con certificado de profesionalidade (dúas edicións); operacións básicas de cociña; xerocultor/a especializados/s en actividades rehabilitadoras; carnicería; e operacións auxiliares de almacén. E que se iniciarán ao longo do presente ano as segundas edicións de operacións auxiliares de almacén, o curso de peixaría e coidados de persoas discapacitadas físicas e psíquicas. Neste senso, a concelleira ferrolá lembrou que o prazo de inscrición para o itinerario de peixaría segue aberto ata o día 29 de xaneiro.

Certificado de profesionalidade

En canto aos participantes, foron 135  as persoas que iniciaron os itinerarios, das cales 121 remataron a súa formación, o que supón que un 90% do alumnado finalizou con aproveitamento os cursos. Tódolos os participantes nos itinerarios rematados realizaron prácticas en 30 empresas de diferentes sectores como alimentación ou sociosanitario. Compre lembrar, que tres das accións formativas impartidas contaron co certificado de profesionalidade grazas ao convenio asinado polo alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e a conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, que permitiu a expedición da acreditación. Estes son: o curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio e as dúas edicións do itinerario de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Aneiros Barros salientou os bos datos de inserción en seis itinerarios rematados, que supuxeron que 76 alumnos/as, isto é un 68% de persoas que completaron os cursos, se incorporaran ao mundo laboral durante os seis meses posteriores ao remate da acción formativa.

21 de xaneiro de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.