Ucraína supera a Lituania nun duro choque na primeira fase do Europeo Xuvenil Masculino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLalín
A-
A+
Encontro entre Ucraína e Lituania

Encontro entre Ucraína e Lituania

Ucraína logrou o primeiro triunfo da fase clasificatoria do Europeo Xuvenil Masculino, que se está disputando en Lalín. O conxunto ucraíno, aínda que parecía mellor equipo que Lituania, sufriu para lograr a vitoria fronte a un rival moi voluntarioso (33-29).

Nos primeiros minutos do choque, Ucraína saíu cunha defensa moi adiantada que lles permitía correr e así se puxeron por diante no marcador (7-4). O seleccionador lituano solicitou un tempo morto para corrixir erros e volveu igualarse o choque, aínda que os seus pupilos non foron capaces de empatar o marcador en ningún momento. E no últimos dez minutos, foron os ucraínos os que conseguiron abrir unha pequena brecha no marcador (16- 12), grazas en parte ao bo xogo do pequeno Oleksuk, que era un pesadelo para os defensores lituanos, e o olfacto goleador de Cherkashchenko. Así, chegaron ao descanso con tres goles para o equipo local (18-15).

Tras o paso polos vestiarios, un bo inicio dos xogadores lituanos volveu igualar as forzas, pero os visitantes sempre fallaban cando tiñan a oportunidade de empatar o partido, mesmo aínda xogando con superioridade numérica. Así, con estas curtas vantaxes para os ucraínos, chegamos ao últimos dez minutos de partido (29-27). A falta de seis minutos para o final o choque parecía decidido para Ucraína: Dous goles por diante, un penalti e unha exclusión do rival. O panorama era positivo, pero houbo máis emoción da que se esperaba. Erro no penalti e Lituania, tremendamente voluntariosa, marca en inferioridade (30-29). Pero outra vez, Oleksuk asumiu a responsabilidade, tanto dirixindo o xogo como tirando un sete metros que foi decisivo para acabar coas opcións do rival. Ao final, 33-29 para Ucraína, que leva a primeira vitoria.

Ucraína: Vladislav Dynin, Dmytro Ilchenko (3), Tymofiy Tilnenko, Roman Chosik (4), Slanislav Androshchuk, Stanislav Karamaz, Eduard Kravchenko (6), Bogdan Cherkashchenko (10), Mykyta Rudenko, Dmytro Artemenko (2), Maxym V´yunyk, Mykhailo Bielous (2), Maxym Voliuvach, Oleksandr Luhin, Oleksandr Batsula, Maksym Oleksuk (6).

Lituania: Mantas Buitvydas, Karolis Bliuvas (2), Ignas Kuprevicius, Marijus Gudeika (1), Mantas Galkauskas (6), Gytis Rimkus, Jovydas Jurasius (4), Modestas Starolis, Lukas Simenas (1), Ovidijus Jagucanskis, Dovydas Kuodys (3), Modestas Vaitekunas (2), Rokas Zemlickas (4), Rosvaldas Ramunis (2), Ridas Podziavicius (1) e Domantas Pukas (3).

Árbitros: Daniel Martins e Roberto Accoto (Portugal). Excluíron a Bogdan Cherkashchenko, Maksym Oleksuk e Mykhailo Bielous (en dúas ocasións) por Ucraína e a Mantas Galkauskas por Lituania.

Incidencias: Primeiro partido da fase clasificatoria do Europeo Xuvenil Masculino, que se celebra en Lalín.

10 de xaneiro de 2014 | 21:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.