publicidade hoxe

Tres días para finalizar en Laxe a campaña solidaria Xogamos? “xogar é un dereito, non un privilexio”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaxe
A-
A+

Nada hai máis propio ou así debera ser do tempo da nenez e adolescencia que os xoguetes, os xogos e outros agasallos coma un bo libro de lectura, mais de todos é sabido que moitos nenos e nenas, así coma adolescentes non teñen dereito a xogar pois non todos teñen acceso a este tipo de materiais. Por este motivo e debido tamén ao éxito acadado durante a primeira campaña de recollida de xoguetes realizada no nadal do 2009 polo Concello de Laxe, este nadal, en concreto o 12 de decembro, puxemos en marcha esta segunda edición da campaña de recollida de xoguetes, xogos e libros: Xogamos?; sendo conscientes de que a pesar das circunstancias de hoxe en día, segue resultando frecuente atopar nas nosas casas xogos e xoguetes que estando en bo estado, non se fai un uso deles. A campaña de recollida está a piques de concluír, pois recordamos que esta finalizará, segundo o agardado, o vindeiro venres 17 de xaneiro e que o punto de recollida estará dispoñible na planta baixa da Casa do Concello de Laxe ata as 14 horas dese mesmo día.

Ata o momento, podemos afirmar que a campaña tivo uns resultados que consideramos ben positivos, en canto que o número de xoguetes, xogos e libros recollidos foi o suficientemente abundante como para acadar os obxectivos da campaña que lembramos, foron e serán os seguintes: (a campaña non se dará por concluída ata a semana do 20 de xaneiro na que se fará efectiva a última das recollidas por parte de Ecodesarroio Gaia)

– Diferentes familias de Laxe, priorizadas dende o Departamento de Servizos Sociais do Concello de Laxe, en colaboración con Cáritas Parroquial e Cruz Vermella de Laxe, recibiron na semana víspera do Día de Reis, un lote de agasallos para os máis pequenos e pequenas do fogar.

– A Cruz Vermella de Carballo recolleu parte dos xoguetes sobrantes nesa mesma semana para distribuír entre diferentes familias da comarca.

– Hai material neste momento xa dispoñible para que Ecodesarroio Gaia, entidade con sede na Coruña, faga a programada recollida de material lúdico infatoxuvenil na vindeira semana.

Para estes 3 días que quedan, as diferentes entidades implicadas nesta iniciativa, pedimos a todos aqueles que queiran e poidan a súa colaboración na iniciativa tal e se ten feito ata o de agora, facendo especial fincapé na importancia de que TODOS OS MATERIAIS QUE SE ENTREGUEN DEBEN ESTAR EN BO ESTADO E QUE ESTES TEÑEN POR DESTINATARIOS NENOS E NENAS DENDE O SEU NACEMENTO ATA QUE ACADEN A MAIORÍA DE IDADE.

Así mesmo, queremos aproveitar a ocasión para transmitir a todas as persoas que se implicaron na campaña o noso agradecemento pola elevada participación acadada na campaña deste ano pois sen a súa solidaridade, non tivera sido posible que moitos nenos e nenas a día de hoxe, xa estén a disfrutar dos diferentes xogos, xoguetes e libros depositados.

14 de xaneiro de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.