Traballo financia con 200.000 euros un obradoiro de emprego que beneficia a 22 alumnos de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+
A conselleira de Traballo na visita ao obradoiro de Vilagarcía

A conselleira de Traballo na visita ao obradoiro de Vilagarcía

Un total de 22 alumnos en situación de desemprego están a participar no obradoiro ‘Vista Alegre II’ en Vilagarcía de Arousa, no que a Consellería de Traballo e Benestar está a investir preto de 200.000 euros.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe aos alumnos e indicou que este obradoiro lles ofrece numerosas vantaxes. En primeiro lugar, permítelles acceder a un posto de traballo, neste caso, nas especialidades de carpintería e moble e instalación e mantemento de xardíns.

Simultaneamente, ofrécelles unha formación teórica e práctica de calidade homologada, que vai asociada a un certificado que demostra a preparación e habilidades adquiridas, e que vai incrementar moi significativamente a empregabilidade dos alumnos. Mato lembrou que practicamente o 100% dos cursos están ligados á obtención dun destes certificados de validez nacional.

Así mesmo, a iniciativa leva aparellada a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade. Neste caso concreto vai permitir levar a cabo, entre outros, o acondicionamento e mellora do parque do Castro Alobre e O Castriño, no que xa traballaron os alumnos do primeiro obradoiro Vista Alegre; e a restauración e construción de mobiliario urbano en diversos espazos públicos do concello.

A titular de Traballo indicou que actualmente están en marcha un total de 50 obradoiros en toda Galicia, que contan cun investimento de máis de 9,5 millóns de euros e están a beneficiar a preto de 1.300 galegos e galegas. En concreto, na provincia de Pontevedra os obradoiros en marcha son 13, con 287 alumnos e un investimento de máis de 2,5 millóns de euros.

Ademais apuntou que hai dez días publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde que regulará estes obradoiros no presente ano. Unha orde que ten unha dotación de 10,2 millóns de euros, cos que está previsto pór en marcha 50 novos obradoiros.

Departamento Integrado de Formación e Emprego

Doutra banda, Mato salientou a iniciativa que desde hai dous anos está a levar a cabo o concello de Vilagarcía coa creación do Departamento Integrado de Formación e Emprego (DIFE).

Segundo explicou, trátase dun departamento novidoso e pioneiro que promove a creación de novas oportunidades de emprego, coordina o traballo de todas as áreas municipais con competencias directas ou indirectas na busca de emprego, aposta pola eficiencia e o máximo rendemento do investimento público, centraliza as relacións co resto de Administracións, e fomenta a colaboración institucional.

Neste sentido, a responsable do departamento autonómico valorou que os resultados desta iniciativa “están a ser moi positivos, tanto a nivel de inserción laboral como de autoemprego”.

20 de xaneiro de 2014 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.