Traballo destina 400.000 euros a dous obradoiros de emprego para 50 persoas en Vigo e Val Miñor

A conselleira Beatriz Mato na visita ao obradoiro
A Consellería de Traballo e Benestar destinará 415.000 euros ao desenvolvemento de dous obradoiros de emprego, un en Vigo e outro na Mancomunidade de Val Miñor (integrada polos concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona), para beneficiar a un total de 47 persoas.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe estes programas. En primeiro lugar, o obradoiro de emprego ‘Vigo Capacita’ conta con 24 alumnos e un orzamento de 215.000 euros. No mesmo impártense dúas especialidades: operacións básicas de cociña e restaurante-bar.
No caso do obradoiro ‘Terras do Miñor II’ estanse a investir 200.000 euros e participan 23 alumnos nas disciplinas de operacións básicas de cociña e servizos de restaurante. É a continuidade do ‘Terras do Miñor I’, que contou con 30 beneficiarios e un orzamento de 265.000 euros.
A titular de Traballo explicou que estas iniciativas ofrecen numerosas vantaxes aos seus alumnos. En primeiro lugar, o máis importante é que lles permite acceder a un posto de traballo. Simultaneamente, ofrécelles unha formación teórica e práctica de calidade, e, ademais, leva aparellada a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade. Nestes dous casos, por exemplo, a elaboración de menús e servizos de restaurante en comedores sociais.
Mato lembrou que actualmente hai en marcha un total de 50 obradoiros por toda Galicia, cun investimento de máis de 9,5 millóns de euros e preto de 1.300 beneficiarios. Na provincia da Pontevedra, os obradoiros en marcha son 13, con 287 alumnos e un investimento de máis 2,5 millóns de euros.
Así mesmo, Mato indicou que a principios de xaneiro publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde que regulará estes programas mixtos en 2014, que contará cunha dotación de 10,2 millóns de euros, cos está previsto pór en marcha 50 novos obradoiros.
Programa integrado de emprego
Beatriz Mato aproveitou a súa visita a Vigo para referirse ao programa integrado de emprego que está a desenvolverse nesta cidade. Este concello é un dos poucos de Galicia que conta de forma simultánea cun obradoiro e un plan integrado de emprego.
Este programa está a brindar a 100 traballadores do concello en situación de desemprego unha oportunidade para acadar a súa inserción laboral, cun orzamento de preto de 130.000 euros. De feito, o obxectivo mínimo de inserción do programa é do 38%.
Beatriz Mato indicou que esta iniciativa pretende crear un itinerario integral de inserción para as persoas desempregadas, combinando accións como a información, a orientación, o asesoramento, a formación, a práctica laboral ou a intermediación coas empresas.
Os programas Integrados para o emprego están especialmente deseñados para axudar a mellorar a empregabilidade daquelas persoas que están a atopar maiores dificultades para conseguir un posto de traballo. En total, en Galicia están en marcha 30, tanto en colaboración cos concellos como con entidades, cun orzamento total de 2,5 millóns de euros, e con preto de 2.200 beneficiarios.
En 2014 o orzamento ascenderá ata os 5,4 millóns de euros, un 116% máis que en 2013. Este esforzo orzamentario permitirá alcanzar a cifra de 4.500 beneficiarios, máis do dobre dos que houbo o pasado ano.











