Tomiño declara como fillo predilecto da vila ao pintor Antonio Fernández

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTomiño
A-
A+

O goberno local designou Fillo Predilecto do Concello de Tomiño a Antonio Fernández Gómez “pola súa calidade como pintor; polo valor da súa obra dentro da historia da pintura galega, e pola súa implicación social desinteresada, pasando a ser un dos maiores filántropos do concello”.

A decisión foi tomada este mediodía por unanimidade dos membros da corporación municipal presentes, que se reuniron en sesión extraordinaria de pleno para tratar este punto, coa asistencia dos nove concelleiros do BNG, tres do PP e o edil non adscrito, Fernándo Álvarez.

Na oportunidade, a alcaldesa Sandra González, adiantou que o día 16 de febreiro realizarase un acto oficial no que participarán distintos colectivos de Goián para render homenaxe ao insigne artista.

Reproducimos a continuación a fundamentación da proposta da Alcaldía para o nomeamento de Fillo Predilecto:

O goberno municipal de Tomiño propón nomear Fillo Predilecto deste Concello ao ilustre pintor goianés Antonio Fernández Gómez.

Antonio Fernández naceu en Goián o 16 febreiro de 1882.  Aos 12 anos emigra ao Brasil onde comeza a súa formación como pintor da man do artista alemán Ernest Papf. As cidades de Santos, Río de Janeiro e São Paulo acollerán as súas primeiras exposicións que o darán a coñecer entre o colectivo emigrante. A elas volverá asiduamente para vender as súas obras, estas xa feitas en Italia onde se establece desde o 1901. Na vila de Antícoli Corrado asentará a súa residencia durante varias décadas e é aquí onde realizará o maior volume de obras adquirindo a madurez artística.

1929 será o ano do seu regreso a Goián. Aquí vivirá ata o seu falecemento o 20 de novembro de 1970. Antonio Fernández adicará 40 anos da súa vida a pintar as súas paisaxes e as súas xentes, pero tamén desenvolverá unha polifacética labor social, humanista e intelectual. Así pois, organizará exposicións, escribirá artigos para varios semanarios, e implicarase nos aconteceres da súa parroquia. Antonio Fernández participará nas actividades e problemáticas de Goián, doará os terreos da súa casa natal na praza da Igrexa para escola pública, pintará un plano territorial de Goián a escala, estudará e recollerá restos arqueolóxicos, colaborará cos grupos de teatro do Centro Goianés pintando os escenarios, fará traballos de fotografía, e deseñará o Goián do futuro, con proxectos como os xardíns do Regatiño e a actual alameda, o campo de fútbol ou o segundo campanario da igrexa. Esta implicación de carácter altruísta e o seu carácter humilde erguerá unha personalidade cun recoñecemento público unánime, pasando a ser moi querido entre os seus veciños e veciñas .

Por todo isto, consideramos que o Concello de Tomiño debe recoñecer a Antonio Fernández como o seu Fillo Predilecto pola súa calidade como pintor e o valor da súa obra dentro da historia da pintura galega, e pola súa implicación social desinteresada, pasando a ser un dos maiores filántropos do Concello.

Este nomeamento vén a sumarse aos actos de homenaxe celebrados durante o ano pasado, e que continuarán no 2014, dentro do marco do Ano Antonio Fernández, organizado polo Concello e a Asociación Pintor Antonio Fernández.

Na mesma sesión procedeuse, por maioría, á aprobación definitiva dos Orzamentos 2014, así como a desestimación dunha reclamación contra os mesmos.

27 de xaneiro de 2014 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.