Tomiño contará cun novo vehículo para os voluntarios da agrupación local de Protección Civil

Entrega do vehículo á Protección Civil de Tomiño
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tomiño, veu ampliado este mediodía o seu parque móbil, ao facerlle entrega o goberno local, que encabeza Sandra González, dun novo vehículo; unha furgoneta Ford Transit 110 T 330, de 9 prazas para dispositivos, rescates de persoas ou desprazamentos dos voluntarios a cursos de formación e outras actividades.
Este novo vehículo vén a sumarse a un todo terreo e a unha Bomba Urbana Lixeira (BUL), usada para a extinción de incendios e salvamento; vehículos dos que xa dispón a agrupación para realizar os seus operativos de apoio á cidadanía, sempre coordinados coas forzas de seguridade de Tomiño. Asemade, hai que engadir unha zodiac sen esquecer o can “Tor”, adestrado para a busca de persoas desaparecidas.
O acto de entrega do novo furgón, máis nove traxes especiais para incendios urbanos e forestais e seis novas emisoras, realizouse na sede dos voluntarios, situada no barrio da Rocha. Ademais da alcaldesa e do concelleiro de Benestar Social, Suso Montero, atopábanse na oportunidade, varios voluntarios da agrupación tomiñesa. A rexedora agradeceu o esforzo destes últimos e todos os seus compañeiros e compañeiras, e asegurou que “o Concello segue apostando por Protección Civil, cuxos membros realizan unha tarefa de gran valor, de maneira totalmente desinteresada”.
González explicou que o goberno local decidiu mercar o vehículo, con fondos propios do Concello, logo de repetidas solicitudes á Xunta de Galicia, que resultaron infrutuosas.
Na actualidade, a Agrupación de Protección Civil de Tomiño conta con 25 membros e se esperan novas incorporacións. No ano 2013 realizaron unha media de 250 saídas; a maioría delas relacionadas con accidentes de tráfico e incendios, urbanos e forestais, asistindo ademais a múltiples actos, competicións e celebracións que requiren operativos de control ou vixiancia.
Este año a asociación cumprirá os seus vinte anos, nos que a asistencia a cursos e outras accións de formación, é permanente.











