Todos os partidos da corporación de Cangas presentarán unha moción conxunta sobre o transporte marítimo de ría
Os cinco grupos políticos membros da Corporación Municipal de Cangas levarán unha moción conxunta sobre o transporte marítimo e de Ría á sesión plenaria correspondente ao mes de xaneiro, que se celebrará o vindeiro venres día 31.
Con esta moción a Corporación Local busca instar á Xunta de Galicia a que negocie diante da Unión Europea a declaración do transporte marítimo de ría como servizo público. Así mesmo, instarase á Dirección Xeral de Mobilidade a que convoque aos Concellos da Área Metropolitana de Vigo a unha xuntanza na que se establezan os criterios para a posta en marcha do billete metropolitano de xeito que tamén se inclúa no mesmo o transporte marítimo de ría.
A pesar de que xa se leva moitos anos buscando unha solución para o problema do custo deste transporte, esta moción motivase especialmente tralo anuncio a pasada semana por parte da empresa Mar de Ons, que é a encargada de cubrir a ruta marítima entre Vigo e Cangas, de suprimir as 4 primeiras viaxes do día entre ambos concellos por falta de pasaxeiros.
Esta non é a primeira vez que se propón que o servizo pase a titularidade pública xa que un informe elaborado en 2009 pola Dirección Xeral de Mobilidade establece que a inclusión do transporte marítimo dentro do plan de transporte metropolitano é a única opción para garantir a súa viabilidade.
Estímase que dende que a Unión Europea aprobou a liberalización do transporte de ría reduciuse nun 50% o número de usuarios que o utilizan.











