Teo participa na campaña de esquí da Deputación da Coruña
O Concello de Teo participa na campaña de esquí da Deputación da Coruña. Deste xeito haberá sete prazas para nenos/as teenses que desfrutarán dunha estancia na estación invernal de San Isidro (León) entre o 21 e o 23 de marzo. Poden participar nesta actividade nenos/as empadroados/as no Concello de Teo nados nos anos 2000, 2001, 2002 e 2003.
As persoas interesadas en participar poden anotarse ata o 28 de xaneiro. As prazas sortearanse entre as solicitudes formalizadas en prazo xa que o número de prazas dispoñibles é inferior ó número de solicitudes xa presentadas. O sorteo público celebrarase o mércores 29 de xaneiro ás 10:00 horas na Casa do Concello.
Para formalizar a inscrición hai que entregar a ficha de inscrición debidamente cuberta acompañada da seguinte documentación: unha foto tamaño carné, fotocopia da tarxeta sanitaria, fotocopia do DNI ou libro de familia, no suposto caso de que o neno tivese que levar un tratamento específico ou padeza unha doenza que deba terse en conta, entregarase un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente. Tamén é importante facer constar se o neno/a ten algún tipo de alerxia alimentaria ou doutro tipo. A inscrición debe facerse no Rexistro Xeral do Concello ata o 28 de xaneiro ás 14:00 horas.
Os nenos e nenas seleccionados/as no sorteo gozarán da estancia na estación de esquí entre o 21 e o 23 de marzo, entrando nas instalacións o venres pola noite antes da cea e saíndo o domingo despois do xantar. O custo desta actividade é de 36 euros e inclúe transporte, estancia, albergue, manutención, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos na estación e actividades varias.
Para máis información pódese escribir un correo electrónico a deportes@concellodeteo.com ou chamar ó número do Concello 981 815 700 e falar co Departamento de Deportes.











