Teo oferta un curso de adultos para obter o graduado en ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo, oferta un ano máis, un curso para adultos para a obtención do graduado en ESO. Unha formación imprescindible, máis en momentos coma estes nos que o desemprego é a crise económica afectan a un importante sector da poboación. As persoas interesadas en participar nesta formación, que é gratuíta, xa se poden inscribir presentando a solicitude no Rexistro Xeral do Concello antes do 31 de xaneiro. A instancia, que se pode recoller nas oficinas xerais do Concello ou descargar da web municipal, debe ir acompañada da copia do DNI do solicitante.

Esta iniciativa ponse en marcha a través da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local e a formación do curso dará acceso ao alumnado ás probas libres para a obtención do Graduado en ESO.

Está previsto que o curso comece en febreiro e teña unha duración de seis meses. Realizarase na Ramallosa e o horario será compatible coa xornada laboral de xeito que non resulte excluínte estar traballando. Concretamente as clases serán entre as 20:20 a 22:40 horas.

Esta actividade está financiada polo Concello de Teo, sen custo para o alumnado. Está limitada a 35 persoas, polo que a admisión farase por riguroso orde de inscrición. Establecerase unha lista de agarda para cubrir as baixas que se presenten ao longo do curso.

Esta actividade formativa leva realizándose en Teo de xeito periódico varios anos. No curso anterior houbo 44 solicitudes con 12 baixas durante o curso, 6 por abandono e 6 por faltas continuadas. Desas doce baixas cubríronse coa listaxe de agarda seis prazas. Unha vez realizado o curso na convocatoria de xuño presentáronse ós exames 29 persoas das que aprobaron 18. Na convocatoria de setembro superaron as probas outras 3 persoas polo que a porcentaxe total de aprobados quedou nun 72% das persoas que se examinaron.

As persoas que precisen máis información sobre o tema poden poñerse en contacto coa Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local de Teo no teléfono 981 815 721, no correo electrónico aedlteo@gmail.com ou persoalmente nas oficinas situadas na antiga Casa do Concello, na Travesía da Ramallosa, número 40.

9 de xaneiro de 2014 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.