Teo homenaxea a tres familias que representan a esencia do Entroido dos Xenerais da Ulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

En Teo falar da familia Rosende Domínguez (Cacheiras), da familia Pedreira Pazos (Reis) ou de Edita Cobas (Oza) é falar de entroido. E é así porque a súa historia é a historia das últimas décadas da celebración do entroido neste Concello. Son familias que participan de xeito activo nesta tradición e que son indispensables para o seu mantemento no tempo. O Concello acordou homenaxear a estas familias como representación de todas aquelas persoas que ó longo dos anos contribuíron a esta celebración. E este sábado 18 de xaneiro nun acto conxunto co resto dos Concellos nos que se celebra o entroido dos xenerais da Ulla farase un acto público de rececoñecemento.

O Consello da Xunta de Galicia declarou o entroido dos Xenerais da Ulla festa de interese turístico o pasado 19 de setembro de 2013. Os Concellos implicados, A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Vedra, Vila de Cruces, Teo e Touro, acordaron visibilizar este recoñecemento a través dos protagonistas verdadeiros desta celebración, os veciños e veciñas que fan posible o entroido elixindo cada Concello aos seus homenaxeados.

No caso de Teo escolléronse tres familias nas que se dan unha serie de circunstancias que as converten nas mellores garantes da continuidade desta celebración. Edita Cobas foi autora durante moitos anos das coplas dos coros de mozos e vellos para distintas parroquias, nomeadamente para a de Oza.

A familia Pedreira Pazos, da parroquia de Reis, ten entre os seus membros a unha autora de coplas para os coros así como de atranques e conta entre os seus membros con varias xeracións de xenerais da Cabalaría Montada da parroquia de Reis. A familia Rosende Domínguez, de Cacheiras, coma no caso anterior ten entre os seus integrantes varias xeracións de xenerais da Columna da Cabalaría Montada da súa parroquia e tamén conta con autores de sermóns, coplas de coros e atranques.

14 de xaneiro de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.