Telecomunicacións, electricidade, seguros e bancos foron os sectores máis reclamados na OMIC de Verín en 2013
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello de Verín (OMIC) tramitou no pasado 2013 un total de 1.202 reclamacións, consultas e mediacións centradas, fundamentalmente, nos sectores das telecomunicacións, electricidade, seguros e bancos -e relacionadas con facturación incorrecta, cambios e devolucións, demoras en reparacións e servizos defectuosos-.
Un dos aspectos no que máis se demandou asesoramento foi no ámbito das relacións dos/as usuarios/as coas entidades bancarias, en concreto un total de 555 reclamacións, que se centraron nos pasos a seguir no referente as participacións preferentes e obrigas subordinadas, ademais doutras por comisións, tarxetas, domiciliacións a entidades bancarias, descubertos en contas, préstamos persoais ou hipotecarios.
Con todo, segue sendo o sector das telecomunicacións un dos que concentra un importante número de reclamacións por parte dos/as cidadáns/nas. Nesta ocasión ocupa o segundo posto con 258 reclamacións e 81 consultas (telefonía fixa, móbil e internet), referidas a cuestións como portababilidade, permanencias nas compañías, penalizacións por dar de baixa servizos, facturación, mensaxes premium sen consentimento e falta de cobertura, sobre todo cando viven ou viaxan cerca da fronteira con Portugal.
O terceiro posto está ocupado polo sector da electricidade con 62 reclamacións (incremento de prezo da factura, discrepancias na cantidade a pagar), seguido dos seguros cun total de 51 (vivenda, accidentes, defunción, negativa a atender os sinistros e a disconformidade coas valoracións efectuadas sobre os danos sufridos nos bens, incremento de importes). As 195 reclamacións restantes repártense entre os seguintes sectores: compras on line, sector téxtil (roupa e calzado), transporte aéreo, gas, enerxías renovables, mobles, reparación de vehículos, sanidade privada, academias, electrodomésticos, transporte terrestre e produtos informáticos.
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor é un servizo gratuíto que o Concello de Verín ofrece aos/ás consumidores/as e usuarios/as, cuxa finalidade é informar, orientar e educar os consumidores; así como tramitar queixas, reclamacións e denuncias dos/as consumidores/as, mediando entre as partes, cando sexa oportuno, para a resolución dos conflitos e a promoción e información sobre o Sistema Arbitral de Consumo. Este servizo préstase non só aos municipios da mancomunidade de Verín senón tamén aos pertencentes a comarca de Conso Frieiras (Viana do Bolo, A Gudiña, A Mezquita ou Vilariño de Conso).











