Teatro, maxia e humor serán os protagonistas dos sábados de xaneiro no Auditorio Municipal de Cedeira
O Concello de Cedeira retoma este sábado, 11 de xaneiro, a programación cultural do Auditorio Municipal. Será coa obra teatral “A Casona”, da compañía Teatro del Andamio. Con entradas a 2,5 euros, a función dará comezo ás oito do serán. O público poderá disfrutar dunha comedia delirante e ocorrente con personaxes estereotipados, esaxerados ata o límite, que permite ver profundos traballos actorais. Así, a obra narra a historia de Doura e Lita, dúas vellas que herdaron de Felicitas, antiga dona da Casona, esta mansión.
Unha relación de amor-odio úneas e sepáraas, pero seguen xuntas só para quedarse coa Casona, ata que un día soa o timbre e chega a Igrexa… única e lexítima herdeira de Felicitas. O seguinte sábado, 18 de xaneiro, tamén a partires das oito da tarde e entradas a 2,5 euros, o Concello programa o espectáculo intercultural de maxia clown “Chapuzas a domicilio”, de Expresión Produccións. No mesmo, dous pintores teñen o encargo de preparar o esceario para unhas conferencias que darán unha serie de persoaxes internacionais moi pintorescos. Sorpresas, risa, maxia e clown caracterizan este interesante e interactivo espectáculo para ver en familia. E, pechando o mes, a compañía Barafunda trae o seu espectáculo “keTkjas”, previsto para o sábado 25 de xaneiro, ás 20 horas e entradas a 2,5 euros.
Un espectáculo divertido para toda a familia e, en especial, para os máis pequenos, que lle dará unha volta de rosca ás rutinas máis cotiás do baño, xa que o aseo matutino pode converterse nunha auténtica odisea se o fai o paiaso Pico. O Concello de Cedeira anima á veciñanza a participar desta programación, que conta co apoio de Agadic.











