Teatro e música centran a oferta cultural en Cedeira durante o mes de febreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Concello de Cedeira aposta polo teatro e a música na súa programación cultural para o mes de febreiro. Propostas que se celebrarán, como vén sendo habitual, os sábados no Auditorio Municipal, a partires das oito da tarde e con entradas ao prezo único de 2,5 euros. A oferta comezará este sábado, 2 de febreiro, coa representación da obra teatral “A historia de Martín”, a cargo da compañía Animar T. Dirixida a público de todas as idades, a función trata da hiperactividade infantil e máis das formas de ensinanza antigas, deixando paso a novas formas de aprendizaxe do futuro: o ciberespazo. Tamén aborda a capacidade de cambiar o mundo a través dun mesmo e da exaltación dos valores humanos. Todo isto, con dúas “armas” infalibles: o humor e o teatro musical.

Tomará o relevo a rondalla Bohemios, de Ferrol, que ofrecerá a súa actuación ao público cedeirés o sábado, 8 de febreiro. Esta agrupación nace a finais de 1988 e, o 18 de marzo de 1989, fan o seu debut como Rondalla, na Noite das Pepitas. En abril dese mesmo ano, e despois da boa acollida que o público lles despara, o grupo constitúese formalmente como Agrupación Artística Ferrolana Bohemios. A música tradicional ferrolá é o comezo do grupo e amplo, o número de escearios de toda Galicia nos que ten interpretado as súas cancións. Na actualidade, está composta por 22 voces masculinas distribuídas en tenores primeiros, tenores segundos, barítonos e baixos, e 14 instrumentos de corda: guitarras, guitarra baixa, laúdes, bandurrias, mandolinas.

Tras o concerto de Bohemios, regresará o teatro. Será o 15 de febreiro, da man da compañía Migallas, que trae á vila a súa obra “O cantante e as mulleres”. As cancións compostas polos membros do grupo alternan coas interpretacións teatrais. Entre as personaxes humorísticas atópase a popular Sra. De Palmírez do programa Luar da TVG. E, pechando o mes, Culturactiva ofrecerá a súa obra “Sede de Mal”, o sábado 22. Logo do seu éxito en Matalobos, e de xirar con Gaivotas Subterráneas, Luis Iglesia B. e Xabier Deive dan renda solta ao seu lado máis salvaxe e divertido e presentan esta comedia a 12 cordas sobre o lado escuro da vida. Humor, teatro, música ao vivo con blues e rock and roll “á galega”, con dous dos personaxes máis importantes da escea galega dos últimos anos.

28 de xaneiro de 2014 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.