Teatro do Atlántico representa no auditorio de Vilagarcía “A charca inútil”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVilagarcía de Arousa
A-
A+

O teatro regresa esta fin de semana ao Auditorio cunha gran obra. Trátase de “A charca inútil” un texto do dramaturgo catalán David Desola que foi galardoado co Premio Lope de Vega no ano 2007. A peza chega ao escenario de Vilagarcía da man de Teatro do Atlántico, baixo a dirección de Xúlio Lago e interpretada por tres grandes actores galegos: Gonzalo M.Uriarte María Barcala Marcos Vieitez. A representación será o venres, 24, ás 21:00 horas e as entradas pódense adquirir a 5 e 4 euros a través de servinova.es ou o o mesmo día a partir das 19:00 horas na billeteira do Auditorio.

“A charca inútil” é, un drama sobre a loucura, non como patoloxía, senón como vía de escape, como refuxio a unha existencia insoportable. n palabras do propio autor, trátase dun “drama ao cadrado”, onde uns personaxes atormentados deambulan por un mundo de desamparo e medo, vítimas dun entorno opresivo, dunha sociedade que remexe na dor allea. Uns personaxes que se refuxian na loucura para se manteren cordos. É tamén unha historia de amor, na que as accións son moito máis importantes que as palabras, e na que o que se intúe é moito máis relevante que o que se percebe. Fala tamén do medo, e da morte. A peor das mortes: a morte dun neno. A morte no despuntar da vida, e a dor dunha nai. É tamén unha historia de soidade e misterio na que hai quen quere ver un lugar para a esperanza, pois fala, principalmente, da procura da felicidade. Unha procura se cadra enganosa ou desesperada. Pero unha procura en calquera caso.

Teatro do Atlántico recolle este texto para poñer en escena unha obra chea de tenrura e humor, ao tempo que dura e profunda, e para elo conta co aval que lle proporcionan os 29 anos de experiencia cos que conta esta compañía galega e as 27 producións que teñen realizado neste tempo.

22 de xaneiro de 2014 | 12:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.