Substitúese en Vilagarcía a deteriorada pasarela da ponte de madeira do Con en Rodrigo de Mendoza
Dentro dos traballos de mantemento e mellora dos equipamentos do Concello de Vilagarcía, o persoal do servizo de Medio Ambiente iniciou esta mañá a substitución do piso da ponte de madeira do Con en Rodrigo de Mendoza. As láminas da pasarela estaban moi deterioradas e gastadas pola súa exposición aos elementos polo que afrouxaran e movíanse co paso dos peóns.
Se o tempo o permite, está previsto que os traballos rematen mañá. Non obstante, a reposición das láminas non impide a utilización da ponte, xa que os traballos fanse de xeito que tan pronto como se quita unha táboa vella, xa se coloca no seu lugar a nova.
Aínda que o paso pola ponte non revestía perigo, con esta actuación evítase unha degradación maior e apórtase comodidade e seguridade aos peóns que a utilizan.











