Solucións de pequena depuración para tratar de mellorar a situación en Tomeza e no río Gafos

Reunión do director de Augas de Galicia coa Asociación Vaipolorío
O director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, mantivo esta mañá unha reunión con membros da Asociación Vaipolorío, ao que lles trasladou que o Goberno galego aposta pola instalación de pequenas depuradoras para mellorar a situación da parroquia de Tomeza e do Río gafos, no Concello de Pontevedra.
Explicoulles que a proposta da Xunta consiste en anular o colector do Gafos substituíndoo augas arriba do mesmo por varias pequenas depuradoras de macrofitas ou filtros verdes, xa que se trata de cuncas rurais, moi pequenas en poboación pero enormes en extensión e con augas moi pouco cargadas. Estes filtros configuraríanse de modo que se evitara o seu asolagamento polo río en caso de enchente, algo que preocupaba á asociación.
Reiterou que desde Augas de Galicia se leva un tempo avaliando alternativas para actuar no Gafos, dado que está confirmado que o colector está en carga permanentemente, recibindo desproporcionadas cantidades de pluviais e infiltración na extensísima rede de saneamento que aflúe ao colector do río.
Francisco Menéndez destacou que a proposta da Xunta tería o efecto engadido de reducir a problemática de alivios á ría, especialmente na zona de Lourizán, ao evitar unha importante chegada de auga ao colector de marxe de ría, que ten no descontrol da rede a causa dos seus alivios.
Competencia municipal
O director de Augas de Galicia lembrou que a competencia para dotar de saneamento é estritamente municipal. Non obstante, Augas de Galicia intenta asesorar e axudar ao Concello, recibindo como única resposta falta de colaboración.
Nese sentido, recordou que na última reunión da Comisión de Seguimento do convenio para o saneamento do rural de Pontevedra, celebrada o pasado mes de decembro, visualizouse a actitude dos responsables do Concello de Pontevedra que non permiten mellorar a situación do saneamento na parroquia de Tomeza e do río Gafos.
Os representantes do concello de Pontevedra, ante a proposta presentada hoxe a Vaipolorío, tiveron unha actitude de rexeitamento sen máis razóns que considerar que a literalidade do convenio fala de saneamento, non de depuración. Lembrou que xa descalificaron dun modo desleal a proposta da Xunta, coa que se pretende resolver o problema de raíz, sen facer unha análise da mesma, e sen considerar que se trataba dunha primeira aproximación que había que concretar. Así, a polémica creada dificultou o que se pretendía, que era traballar esta cuestión nun ámbito técnico ata acadar unha solución.
O director de Augas lamentou que o concello prefira mirar para outro lado, no canto de resolver os problemas, polo que semella non darlle importancia aos vertidos que afectan ao ríos Gafos debido aos problemas que provoca unha rede de saneamento descontrolada, debido as achegas de augas pluviais e de infiltración.











