Seis centros escolares de Pontevedra participan no programa “A memoria das mulleres”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O programa municipal A memoria das mulleres, que ten como obxectivo crear un arquivo documental, gráfico e audiovisual sobre a historia e a memoria das mulleres en Pontevedra, conta coa colaboración de 6 centros escolares de ensino primaria e secundaria. O IES Luís Seoane, o IES Martín Sarmiento, O CIFP A Xunqueira, O CIFP Carlos Oroza, O CEIP San Biento de Lérez e o CEIP San Martiño de Salcedo inscribíronse na convocatoria que fixo o Concello e ao longo do presente curso realizarán traballos de investigación mediante a recollida de fotografías, gravación de entrevistas e redacción de biografías. Os centros inscritos teñen de prazo até o mes de maio para desenvolver os proxectos; no mes de xuño está previsto organizar un acto de presentación pública dos resultados dos traballos realizados.

A Concellaría de Patrimonio Histórico valora moi positivamente a implicación da comunidade escolar no labor de investigación e documentación sobre a historia das mulleres, xa que reforza a dimensión aberta e participativa do proxecto. Na mesma liña, está previsto contar coa colaboración de asociacións veciñais e culturais, que xa teñen feito exposicións e outro tipo de actividades que poden ser moi útiles para complementar as liñas de traballo do proxecto.

Programación mensual de actividades da Memoria das mulleres

Dentro das liñas de traballo do proxecto figura o desenvolvemento dunha programación mensual de actividades, que comezará o vindeiro luns 27 de xaneiro cun encontro arredor do libro Matriarcas, mulleres en pé de vida da xornalista vilagarciá Montse Fajardo. O acto terá lugar ás 19 horas na Casa das Campás e nel intevirán, ademais da autora, a xornalista pontevedresa Natalia Puga e dúas das protagonistas do libro: Gloria Lijó e Waldina Pereira.

Escrito pola xornalista de Vilagarcía de Arousa Montse Fajardo, “Matriarcas” recolle as testemuñas de dez mulleres de distintos puntos de Galicia que, contando a súa vida, destripan a realidade do matriarcado que sostiña a sociedade galega da posguerra.

A programación continúa o 24 de febreiro cun recital poético musical de homenaxe a Rosalía e o 24 de marzo con proxección do documental de Uqui Permuy sobre as traballadoras da conserva. No mes de abril haberá un roteiro temático sobre “O río, o mar e as mulleres” e en maio desenvolverase a segunda edición do Simposio sobre mulleres represaliadas e resistentes, que xirará arredor do mundo da escola durante o franquismo.

23 de xaneiro de 2014 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.