Santiago acolle o IV Seminario Sociedade da Información en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Mar Pereira no seminario. Foto: X. Crespo

Mar Pereira no seminario. Foto: X. Crespo

Acadar a máxima converxencia con Europa no horizonte 2020 é o reto do Goberno galego en materia tecnolóxica. Para avanzar neste obxectivo a Xunta aprobou a finais de ano a Estratexia Galega de Crecemento Dixital, unha folla de ruta que prioriza as grandes liñas de actuación que consolidarán e darán continuidade as medidas da Axenda Dixital 2014.gal.

Así o sinalaba a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, esta mañá en Santiago durante a inauguración do IV Seminario Sociedade da Información en Galicia, organizado pola revista Socinfo.

Pereira indicaba que esta estratexia está perfectamente aliñada coa RIS3 de Galicia para establecer relacións sinérxicas entre elas e captar fondos europeos en proxectos tecnolóxicos para a Comunidade no novo período de financiamento 2014-2020.

As cinco liñas globais de actuación que establece a Estratexia de Crecemento Dixital de Galicia buscan, por un lado, consolidar a Administración electrónica e o e-Goberno, así como a modernización tecnolóxica dos servizos públicos; e, ademais, impulsar o emprendemento no sector TIC, mellorar a competitividade do tecido empresarial, con especial énfase nos sectores primarios, e acadar unha cidadanía plenamente dixital.

2014.gal, o primeiro paso para a converxencia con Europa

A máxima responsable da Amtega recordou que o Goberno galego leva traballando desde 2009 no desenvolvemento dunha estratexia tecnolóxica global, 2014.gal, aliñada cos obxectivos formulados na Estratexia Europa 2020 e cun investimento de 893 millóns de euros.

Pereira indicou que o traballo realizado durante estes catro anos a través da Axenda Dixital de Galicia serviu para situar á Comunidade nun nivel de converxencia, antes nunca acadado, coa media da UE no emprego de tecnoloxías da información e da comunicación

Entre os pasos máis importantes dados neste período están os avances para achegamento da banda larga a todos os galegos, a creación dun único organismo para a xestión da política tecnolóxica da Comunidade coa posta en marcha da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o establecemento dunha política integral de impulso da administración electrónica e da participación cidadá ou as medidas para lograr a efectiva introdución das tecnoloxías da información no tecido empresarial galego

Medidas de impulso ao sector TIC

Pereira afirmou que contar cun sector tecnolóxico forte e competitivo é chave para impulsar o crecemento dixital de Galicia e destacou que unha das medidas para contribuír ao crecemento foi a sinatura o pasado ano do Pacto Dixital entre o presidente da Xunta, o sector tecnolóxico galego e 11 empresas de ámbito nacional e multinacional.

Unhas das primeiras medidas desde acordo materializarase antes do verán coa entrada en funcionamento do Centro de Emprendemento TIC do Gaiás, un espazo de coworking para 60 emprendedores do eido tecnolóxico aos que se lles facilitará apoio, formación e contactos con posibles investidores.

Mar Pereira avanzou que outra das medidas neste eido é a posta en marcha do programa Transformatic para aliñar as diferentes iniciativas de apoio ao sector que se están a desenvolver desde a Administración autonómica. O Transformatic unirá os esforzos e instrumentos cos que contan as Consellerías de Traballo, Cultura, e Economía e Industria nunha mesma dirección e buscará tamén a colaboración de todos os axentes do sector (Clúster TIC, os centros tecnolóxicos, os grupos de investigación, os Colexios Profesionais, as tres universidades Galegas) para, aliñar obxectivos e favorecer o seu crecemento

22 de xaneiro de 2014 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.