Santa Comba recibe unha axuda de 90.000 euros para mellora da eficiencia enerxética na piscina municipal
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o alcalde de Santa Comba, Antonio Landeira, asinaron hoxe a acta de conformidade para a concesión dunha achega de 90.189 euros que lle permitiu ao concello levar a cabo diversas actuacións para mellorar a eficiencia enerxética na piscina municipal. Trátase dunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental xestionado pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que permite aos municipios beneficiarse do canon eólico, ao atoparse o seu territorio dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectado pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
Así, os traballos levados a cabo en Santa Comba consistiron na mellora e reparación da cuberta da piscina, co fin de mellorar o illamento das instalacións e así reducir o consumo eléctrico e a contaminación e, por outra banda, na colocación dunha instalación solar térmica para contribuír a cubrir as necesidades térmicas do edificio.
As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, a máxima representante do Executivo galego na provincia destacou que o ano pasado a Xunta autorizou aos concellos beneficiarios para que puidesen dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental poderá tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.
Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, apuntou.