San Sadurniño solicitará colaboración á Xunta para poñer en marcha a escola infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño acaba de remitirlle á Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, unha carta na que se lle solicita manter unha xuntanza centrada na posta en marcha da escola infantil proxectada polo municipio. San Sadurniño busca deste xeito posibles “vías de colaboración” co departamento autonómico nun servizo que o Concello prevé poñer en funcionamento xa para o próximo curso.

A escola infantil estará situada na parte baixa do edificio anexo ao pazo da Marquesa. As obras de rehabilitación están rematadas e o Concello prepara agora o procedemento para contratar o acondicionamento interior, pendente da sinatura dun convenio comprometido pola Deputación da Coruña.

O proxecto deseñado pola arquitecta municipal ten unha superficie útil próxima aos 200 metros cadrados dividida en tres grandes aulas -unha para os bebés de 0 a 1 ano, outra para os cativiños de 1 a 2 e unha terceira para os nenos e nenas de 2 a 3 anos- e con espazos de servizo e para o profesorado. Os planos tamén recollen un patio exterior de xogos duns 250 metros cadrados comunicado coa zona de aprendizaxe e lindeiro cos xardíns do pazo. Trátase dunha infraestrutura educativa e de conciliación con capacidade para atender 40 nenos e nenas que o Concello quere poñer en marcha xa para o curso que vén.

Tendo en conta estes prazos, o obxectivo da administración local é ir definindo o modelo de xestión e de aí que esta mesma semana se solicitase unha xuntanza coa Conselleira de Traballo e Benestar de cara a establecer “vías de colaboración” entrambas administracións. A proposta que levará á reunión o consistorio é a de que a Xunta asuma a xestión do centro incluíndoo na rede autonómica de escolas infantís, coa vantaxe de que os investimentos iniciais na infraestrutura xa estarían feitos.

En calquera caso, de momento todas as posibilidades están abertas e desde o Concello agárdase chegar a un acordo coa Xunta, habida conta de que xa na época do bipartito a administración autonómica asumira o compromiso de dotar a San Sadurniño dunha escola infantil. O goberno local sustenta a solicitude de colaboración Xunta-Concello na necesidade de ampliar o número de prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos nas zonas rurais como un factor que axude a conciliar vida familiar e laboral e que contribúa fixar poboación moza no territorio.

30 de xaneiro de 2014 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.