San Sadurniño retomará o programa “Tempos para compartir” en febreiro cun obradoiro de cestaría
Despois do parón do Nadal, o programa municipal Tempos para compartir reanuda as súas actividades. Será o próximo 1 de febreiro no local social do Camiño Arriba, onde Gumersindo Fernández e Vicente Ferreira ensinarán a facer cestos de vimbio. O prazo para apuntarse remata o 27 de xaneiro e cómpre apurar porque só hai 10 prazas dispoñibles.
Para facelo hai que chamar ao Concello -981 490 027- e pedir que nos pasen coa responsable deste programa no que a veciñanza pode compartir saberes e habilidades cos demais dunha forma desinteresada. Ese tamén é o teléfono a través do que calquera pode ofrecer a súa colaboración e converterse en docente durante unha tarde de sábado nalgún dos locais sociais do municipio. De feito, Tempos para compartir é un programa itinerante que se desenvolve todos os primeiros sábados de mes procurando que en cada ocasión se celebre nunha parroquia distinta.
Compartir experiencias útiles para a vida diaria ou para o lecer e contribuír á cohesión social do territorio son os dous grandes obxectivos destes obradoiros inspirados na filosofía dos bancos de tempo. Unha idea tan sinxela como efectiva a través da que varios centos de persoas xa aprenderon, entre outras cousas, a facer xabón caseiro, marmelo, doces, sidra, broches de fieltro, cestos de papel, etc.
O próximo Tempos… desenvolverase no local social do Camiño Arriba, en Lamas, o sábado 1 de febreiro a partir das 17.00h. A clase maxistral e práctica versará sobre as técnicas para a confección de cestos con vimbios. A sesión impartirana Gumersindo Fernández Sabín e Vicente Ferreira Delgado, dous especialistas na materia que, ao mesmo tempo, axudan a conservar un labor ancestral.
Desta vez o obradoiro só ofrece 10 prazas por cuestións de espazo e de aproveitamento da sesión. A dispoñibilidade varía duns obradoiros a outros e son os propios docentes quen marcan o máximo aproximado de asistentes de acordo coa complexidade do que vaian ensinar











