San Sadurniño organiza unha tarde de xogos populares para recibir aos Reis Magos
Acabamos de estrear ano e o Concello de San Sadurniño deséxalles a todos os veciños e veciñas que o 2014 sexa mellor que o 2013. Nestes días en que os máis pequenos están de vacacións, case toda a programación municipal está pensada para eles. Unha programación que culminará o domingo coa chegada dos Reis Magos do Oriente.
Estes primeiros días do ano están dedicados ao cine co miniciclo “Educación para o desenvolvemento”, organizado en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Este xoves proxectouse a película “Kirikú eas bestas salvaxes”, mentres que o venres a partir das 11.30h. tocaralle a vez a “Happy feet”. Esta películas afondan en valores como a paz, a tolerancia, a xustiza social ou a defensa do ambiente, por iso están especialmente indicadas para nenos e nenas. As proxeccións son gratuítas e os menores de 12 anos deberán estar acompañados dunha persoa adulta.
E na programación municipal non podía faltar a visita dos Magos do Oriente, que chegarán o día 5 a iso das 18.30 h. á praza do Concello para escoitar a xeito de recordatorio todo o que piden os nenos e nenas de San Sadurniño. Porén, desde as 17.30 h. xa haberá xogos populares e outras actividades ao aire libre sempre que o tempo o permita.
Por último, o día 11 de xaneiro a partir das 19 h. poderemos escoitar ao vivo na casa da Cultura o último traballo do cantautor local Marcelo Fraguela. O prezo da entrada normal son 5 euros ou 2,5 con desconto.











