San Sadurniño expresa o seu desacordo coa modificación da lei do aborto cunha grande pancarta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+
Instalación da pancarta contra a reforma da lei do aborto

Instalación da pancarta contra a reforma da lei do aborto

O lema “Polo dereito a decidir. Aborto libre e gratuíto” preside desde esta mañá a praza do Concello. Unha pancarta de cinco metros de largo reflicte o rexeitamento institucional do proxecto de lei no que traballa o Goberno do Estado para modificar a actual lei do aborto, en vigor desde 2010. Trátase dunha medida reivindicativa que condensa o acordo alcanzado no último pleno polos tres grupos políticos con representación municipal.

O anteproxecto impulsado polo Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, suporía a terceira modificación normativa desde 1985 do dereito feminino a interromper o embarazo. A grandes trazos, a proposta restrinxe os casos en que unha muller poderá abortar e volve á fórmula dos supostos en vez de continuar coa dos prazos, que coa lei actual permitía o aborto libre até a semana 14 do embarazo.

Así, a norma -que aínda non chegou ao trámite parlamentario- recolle que as mulleres poderían abortar até a semana 12 da xestación se é resultado dunha violación ou ata a semana 22 se existe risco grave para a saúde física ou písiquica da nai. Elimínase, polo tanto, o suposto de malformacións do feto. Ademais, o articulado que hai enriba da mesa incrementa a tramitación e a necesidade de informes previos.

A reforma bateu coa oposición de partidos políticos, colectivos femininos e médicos e mesmo atopou detractores no seo do Partido Popular. En San Sadurniño o posicionamento oficial do Concello ao respecto da modificación da lei do aborto materializouse no primeiro pleno ordinario do ano. Nel, o BNG presentou unha moción de rexeitamento do anteproxecto de lei no que, ademais, se instaba á Xunta a que tamén adoptase unha postura contraria e a que garantise o dereito ao aborto en toda a rede de hospitais públicos. Da mesma maneira, a moción pedía máis campañas informativas sobre métodos anticonceptivos que eviten embarazos non desexados e enfermidades de transmisión sexual. A moción nacionalista obtivo o apoio tanto do PP como do PSdeG-PSOE. 

29 de xaneiro de 2014 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.