San Sadurniño contará con dous obradoiros sobre seguridade para as persoas maiores
As persoas maiores constitúen un colectivo especialmente vulnerable para a delincuencia. Os medios de comunicación publican con asiduidade casos de anciáns vítimas de roubos na casa, de estafas e de calotes. Case todos -ou a maioría- prodúcense na zona rural ou en áreas ailladas, onde os cacos teñen a fuxida doada e onde a voz de alarma tarda máis en propagarse. Por esta razón, o Concello está xestionando a realización de dous obradoiros orientados principalmente a persoas maiores e impartidos pola Policía e a Garda Civil. Para levalos adiante fai falla xuntar dous grupos de, como mínimo, 10 persoas. Quen teña interese no tema -tanto un particular como unha entidade- debe contactar cos servizos sociais municipais para obter máis información.
As charlas versarán sobre como previr na medida do posible que sexamos vítimas dos delincuentes. E podemos selo de moitas maneiras: un roubo con violencia por abrirlle a porta a calquera, que un falso técnico nos cobre cen euros por cambiar a goma do butano, que nos ofrezan na rúa pesos a catro pesetas… Hai centos de maneiras de caer e tamén centos de consellos para non facelo.
Os corpos policiais levan visto de todo no seu día a día e teñen recollida moita información sobre como podemos levar unha vida máis segura. E non só na casa, senón tamén cando imos de viaxe, cando imos pola rúa, etc. Incluso cando usamos internet. En San Sadurniño hai moita xente maior que é usuaria habitual das redes e tamén por elas nos pode chegar algunha sorpresa desagradable.
O Concello ten previsto organizar dúas charlas informativas en dous locais sociais do municipio. O público obxectivo son as persoas maiores, pero as sesións -impratidas por policías e gardas civís- estarán abertas a toda a xente que queira aprender a ter máis precaución e a reaccionar se é vítima dalgún delicto.
Iso si, para poñer en marcha os obradoiros é necesario facer grupos de polo menos 10 persoas. Poderán apuntarse nos servizos sociais do Concello de cara a formar os grupos e organizar as charlas nun lugar que lle cadre ben a todo o mundo. Outra posibilidade que se ofrece é que as asociacións de veciños xunten os grupos e que contacten cos servizos sociais para pechar unha data de realización dos obradoiros nos seus respectivos locais.











