San Sadurniño abre o prazo para anotarse na nova edición da campaña de esquí para nenos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Deputación da Coruña porá en marcha este ano unha campaña na estación de San Isidro para que ata un máximo de 500 rapaces da provincia de entre 10 e 13 anos poidan gozar dunha fin de semana de estadía na neve. As estadías iniciaranse a mediados de febreiro en quendas de 100 cativos cada unha. Se hai máis solicitudes que prazas, estas concederanse por sorteo. É indispensable que os rapaces se inscriban antes no concello en que estean empadroados. Segundo a información publicada pola Deputación, a cada municipio tocaranlle como mínimo tres prazas, aínda que esta cifra pode variar dependendo da poboación.

O programa realizarase no marco dun convenio de colaboración coa Deputación de León, que a cambio poderá traer a douscentos rapaces desta provincia a participar nos campamentos de verán que organiza a institución coruñesa no centro Calvo Sotelo. 

A falta da redacción definitiva do acordo, a Deputación contactará con todos os concellos da provincia para saber cales están interesados en sumarse a este programa. Unha vez que se saiba o número definitivo repartiranse as prazas, cun mínimo de tres por concello segundo a súa poboación.

A Deputación responsabilízase da maior parte dos gastos ocasionados polos cursos: transporte de todos os participantes desde os puntos de recollida (en cabeceras de comarca), estancia en albergues, manutención, monitores , clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos na 
estación e actividades varias. Cada participante aboará unha cota de participación de 36 €. As quendas iniciaranse o 15 e 16 de febreiro e continuarán nas seguintes catro fins de semana.

As solicitudes deberán formalizarse na Casa da Cultura Concello, que será o que remitirá finalmente os nomes dos participantes á Deputación. No caso en que haxa máis demanda que oferta, igual que sucede nas convocatorias dos campamentos de verán, farase un sorteo entre todos os solicitantes. 

20 de xaneiro de 2014 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.