Salvamento fai firme o remolque do mercante “Abis Calais” que estaba sen goberno
O remolcador de Salvamento Marítimo ‘Sar Gavia’ fixo na tarde deste martes firme o remolque do mercante de bandeira holandesa ‘Abis Calais’, que se atopaba sen goberno a un dez millas ao noroeste da costa de Ferrol.
Así o confirmaron fontes de Salvamento Marítimo, que precisaron que ás 15,20 horas deste martes o ‘Sar Gavia’ fixo firme o remolque do mercante.
O mercante ‘Abis Calais’, de bandeira holandesa e que transporta pellet de madeira, saíra do porto luso de Leixoes con destino ao de Hull, en Reino Unido. Leva a bordo oito tripulantes da nacionalidade filipina, ucraína e holandesa.
O luns o mercante, de 115 metros de eslora, segundo precisou Salvamento, alertou de que tiña un problema coa máquina, constatándose posteriormente unha avaría na hélice, que tentaron reparar pero non se puido.
Por iso, a armadora do mercante contratou un remolque privado, a cargo da ‘Ría de Vigo’, que chegou sobre a medianoite á zona e tentou darlle remolque, pero non puido polas malas condicións meteorolóxicas.
Así, Salvamento desprazou á zona a embarcación ‘Sar Gavia’ para auxiliar ao mercante e tamén foi mobilizado o buque da Xunta ‘Sebastián de Ocampo’ e o remolcador da Armada ‘Mahón’.











