Rueda: “A colaboración entre municipios facilita o acceso ás axudas e a ser máis eficientes”

Rueda na visita ao Concello de Aranga
O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá o concello de Aranga para facer balance do traballo da brigada medioambiental que comparte con Monfero e que se financiou ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.
Rueda destacou a importancia da colaboración entre os concellos para o acceso ás axudas e gañar en eficiencia e puxo como exemplo a Aranga e Monfero, que concorreron de xeito conxunto ao Fondo para financiar con preto de 40.000 euros a brigada medioambiental.
A brigada encargouse da prevención de incendios mediante tratamentos preventivos en vías, camiños e outras superficies forestais en ambos municipios. Realizaron traballos de prevención, vixilancia, extinción e control de incendios forestais; e contribuíron á recuperación do medio natural, evitando o deterioro e conservando a biodiversidade.
Compartindo este servizo, Aranga e Monfero aforraron custes, gañaron en eficiencia e ofreceron un mellor servizo aos seus cidadáns. Tres obxectivos nos que traballa a Xunta e polos que se está a discriminar positivamente nas subvencións ás entidades locais que aposten pola prestación conxunta de servizos.
O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.
Ademais, representa un triplo beneficio para os concellos: axuda ás arcas municipais; coopera na conservación do medio natural; e é unha clara mostra da aposta da Xunta polo reequilibrio territorial, xa que beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia.
O ano pasado, a provincia da Coruña foi unha das máis beneficiadas polo Fondo de Compensación Ambiental. Financiáronse máis de 60 proxectos cun investimento superior aos tres millóns de euros.