Rouban as tapas de inox das depuradoras de Gradin, Paradela e Xustáns, en Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte CaldelasSucesos
A-
A+

Operarios do Concello de Ponte Caldelas detectaron a sustración das tapas de inox existentes nas depuradoras de Gradín, Paradela e Xustáns que, aínda que non supoñen risco para o seu funcionamento si representan un importante prexuízo económico e de seguridade nas instalacións.

O Concello ordenou á Policía Local que levantase acta do roubo e que inspeccionase o resto das depuradoras existentes no municipio para determinar o alcance real das subtraccións, detectándose que a retirada das tapas de inox centrouse nas miniedares de Gradín, Paradela e Xustáns.

Este roubo ademais de supor un prexuízo económico para o Concello, que terá que repolas o máis urxentemente posible, aínda que xa non serán de inox para evitar que os ladróns sigan tendo no seu ollo de mira estas instalacións, para evitar que as arquetas queden abertas ao aire libre co problema de seguridade que pode isto ocasionar para calquera animal que se infiltre na zona valada ou os propios operarios municipais que se acheguen até o lugar para realizar labores de mantemento e inspección.

O alcalde, Perfecto Rodríguez, lamentou este episodio, polo que representa de gasto extra para o erario público, que coincide no tempo coa onda de roubos que está a padecer o municipio en instalacións eclesiásticas como as igrexas de Forzáns, Tourón e Anceu.

Tanto os axentes da Policía Local de Ponte Caldelas como os responsables do posto da Garda Civil han iniciado pescudas para determinar a autoría dos roubos co fin de que respondan ante a xustiza das súas actividades ilícitas que están a causar graves desfeitas, no caso das igrexas asaltadas, e prexuízos económicos para o Concello, como a subtracción destas tapas de inox nas depuradoras.

27 de xaneiro de 2014 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.