Ribadumia inicia cursos de informática con 50 participantes
50 persoas comeza este martes os cursos de informática que organiza o Concello de Ribadumia e cos que pretende achegar as novas tecnoloxías a todas as idades. As clases desenvolveranse na aula de informática, na Casa da Cultura de Ribadumia, que conta con quince ordenadores e unhas instalacións totalmente adaptadas, equipadas e cómodas para o desenvolvemento destas accións formativas.
Os alumnos dividiranse en 3 grupos, 1 para nenos a partir de 6 anos e 2 grupos para os adultos. Os mais pequenos iniciaranse os martes de 16:30 a 18:00 con xogos interactivos, axilidade mental, paquete office e mecanografía. Para os adultos, de 18:05 a 20:05 e 20:10 a 22:10, os contidos abarcan dende a alfabetización informática, a un taller de procura de emprego a través das redes sociais e como elaborar un CV con Adobe photoshop.
O custe destas actividades formativas será subvencionado parcialmente polo Concello, de xeito que os alumnos só terán que pagar 5€/mes.
Estes cursos de informática inclúense dentro do proxecto da concellería de Cultura de achegar as novas tecnoloxías a toda a poboación de Ribadumia. Segundo explica a edil, Susana Fandiño, “a informática é unha ferramenta imprescindible na nosa vida diaria, no noso traballo, na busca de emprego ou no colexio, independentemente da idade da persoa, e desde o Concello de Ribadumia queremos que os nosos nenos, mozos e maiores teñan acceso a eses coñecementos e poidan aproveitarse das oportunidades que ofrecen”.











