Ribadumia e a Policía Local de Cambados achegan a seguridade viaria ao alumnado do colexio Xulia Becerra Malvar
O Concello de Ribadumia, coa colaboración coa Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra e a Policía Local de Cambados, celebrou unha xornada de educación viaria entre o alumnado do colexio Xulia Becerra Malvar. O obxectivo, segundo explicou a alcaldesa Salomé Peña durante o desenvolvemento dunha das sesións, é concienciar nas idades máis temperás sobre a responsabilidade das persoas para evitar os accidentes de tráfico, sobre a necesidade de ter un comportamento adecuado, independentemente si se vai a pé, en coche ou en bicicleta. “O que buscamos é determinar, desde que son nenos, o comportamento nas rúas como peóns, e incluso como condutores, para que cando se topen coa realidade nas estradas estean educados e respecten as regras. Pero que o respecto non sexa unicamente por ser sancionados, senón porque serán conscientes de que ese respecto lles salvará a vida a eles e ás súas familias”, valora.
A través destas xornadas pretendese promover o respecto polas normas e polas sinais, pero tamén se ofrecen comportamentos para camiñar, ir en autobús, bicicleta ou circular cos pais nos coches ou motocicleta. Así, cando o alumnado vai en bicicleta, é importante que sempre rode pola dereita e detrás do outro; que indique co brazo un xiro na estrada; a obriga de parar diante dunha sinal de stop; atención cando se vai a cruzar… No coche nunca se deben esquecer de abrochar o cinto de seguridade e recordar ao condutor que non debe falar polo móbil cando conduce, e na moto é importante usar o casco.
As xornadas desenvólvense nas instalacións do colexio e están dirixidas o alumnado de infantil e primaria, de 3 a 15 anos. Tódolos rapaces tiveron a oportunidade de participar na pista de karts para poñer en práctica os coñecementos adquiridos.











