Rey Varela avanza en Fitur os principais reclamos turísticos de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Rey Varela na presentación en Fitur

Rey Varela na presentación en Fitur

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu a primeiras horas desta tarde, a presentación oficial na Feira Internacional de Turismo –FITUR- da campaña “Ferrol convídate. Novas accións de Promoción e comercialización”. Unha proposta novidosa coa que a urbe naval quere consolidarse como o principal polo de atracción de visitantes do norte de Galicia. No acto, que daba comezo pasadas as dúas da tarde, participaron, ademais do primeiro edil da cidade, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a concelleira de Turismo, María del Carmen García Fraga, así como os presidentes da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Isidro Silveira e da Asociación de Hosteleiros da cidade, Julio Martínez.   Asemade, e apoiando a posta de largo do concello ferrolán neste salón monográfico sobre o turismo estiveron presentes  entre outros, o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jose Manuel Vilariño Anca; o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón; o deputado nacional, Juan de Díos Ruano, así como destacados persoeiros da vida social e económica da cidade, diferentes turoperadores e axencias maioristas de Galicia, do resto de España e algunhas internacionais.

Neste contexto, o primeiro edil da cidade aproveitou a participación un ano máis de Ferrol en Fitur para promocionar a rica e variada oferta da cidade departamental. “Unha amplía e variada oferta – subliñaba- que estou convencido de que quén veña a Ferrol, quererá quedarse, e nosoutros encantados de que así sexa”. Jose Manuel Rey destacou o esforzo realizado ao longo dos dous últimos anos en materia turística. Unha aposta que segundo avanzaba hoxe o primeiro edil está dando os seus froitos a teor das cifras que manexa a Xunta de Galicia e  que indican, como hoxe mesmo confirmaba o alcalde, “un incremento no número de visitantes no último ano dun 30%”. “Estamos  demostrando que o turismo pode ser un eixo económico importante para a nosa cidade, para que Ferrol recupere o seu futuro”.

O rexedor ferrolán subliñaba esta tarde que coa posta en marcha hai dous anos da Ruta da Construcción Naval se está amosando ao mundo as orixes da razón de ser de Ferrol como cidade ao servicio da Armada e da Coroa, ao tempo que se sitúa no mapa español e europeo dos destinos turísticos diferenciados. E, ao fío, Rey Varela destacaba a coordinación entre administracións e o apoio da iniciativa privada nun proxecto turístico “que permite que Ferrol nos dous últimos anos se teña convertido nun referente á altura de cidades como Pravia ou Tolousse”.

O alcalde de Ferrol lembrou tamén que a Ruta do Naval fará que todos os ollos se pousen en Ferrol este mes de xuño, logo de ser designada como sede  das xornadas “Crossroads of Europe” e do 5º Congreso Europeo de Turismo Industrial. “Unha oportunidade para seguir consolidando a Marca Ferrol como cidade ilustrada, modernista, naval, universitaria, industrial e de servicios; unha oportunidade para seguir amosando Ferrol”, indicou.

O alcalde de Ferrol non se esqueceu na súa intervención dos outros grandes reclamamos turísticos da cidade: a Semana Santa, declarada recentemente Festa de Interese Turístico Internacional, e da Festa das Pepitas, das que dixo que constitúen xunto coas praias, a arquitectura modernista, a gastronomía e a cultura e as súas xentes “abertas e acolledoras” elementos dabondo para que o visitante “queira quedarse”.

Finalmente, Jose Manuel Rey asegurou que os éxitos colleitados nos últimos tempos en materia turística se deben fundamentalmente a dous factores: a unha estratexia baseada en potenciar a Marca Ferrol “co obxectivo de que a xente saiba que Ferrol ten moito que ver”, e na creación de paquetes turísticos globais “co fin de facilitar aos visitantes a súa estancia e disfrute do entorno”. E nesta liña, xa avanzou que o Concello de Ferrol “seguirá a traballar nestas políticas porque as cifras demostran que estamos no bo camiño”.

Novos paquetes turísticos

A presentación oficial hoxe en Madrid da campaña “Ferrol convídate. Novas accións de Promoción e comercialización” incluíu a visualización dun spot sobre Ferrol e a difusión dunha serie de paquetes turísticos, tanto individuais como para grupos, que recollen os principais atractivos do termo municipal ferrolán. Algúns dos paquetes son: iniciación ao surf, que inclúe as magníficas oportunidades da práctica deste deporte; a Ruta da Construción Naval, estrela dos paquetes; a Ruta do Modernismo e Meninas de Canido, para gozar as xoias arquitectónicas da cidade; ou Ferrol ao completo, pensado para unha estancia de dous noites, unha escapada que combina o urbano cos paisaxes e as praias.

Este ano, como novidade, Ferrol está presente na Guía FITUR 2014 coa Ruta da Construcción Naval, cunha tirada de 100.000 exemplares que se están a entregar en man a tódolos asistentes á feira. Este anuncio do produto estrela de Ferrol leva incorporado un código QR que enlaza directamente coa páxina web da Ruta da Construción Naval, así como as direccións dos perfís de turismo da cidade nas redes sociais.

22 de xaneiro de 2014 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.