publicidade hoxe

Rematan as obras de mellora da praza de abastos de Pontecesures para dinamizar o comercio de proximidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontecesuresPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o mercado de abastos de Pontecesures, para comprobar o remate das obras de renovación destas instalacións municipais que permita potenciar esta praza municipal como motor do comercio local.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Manuel Luis Álvarez Angueira, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial e o concelleiro do PP da localidade, Juan Manuel Vidal.

Estas obras tiveron como obxectivo a potenciación do comercio local deste municipio. Neste senso, Cores Tourís insistiu no interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.

“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a este concello encamiñada a posta en marcha de obras de reparación de elementos estruturais da cuberta do edificio do mercado municipal”, explicou Cores Tourís. O proxecto tivo un orzamento de case 12.000 euros, dos cales, o 75%, é dicir preto de 9.000 euros foron aportados pola administración autonómica.

As obras executáronse a través da orde de axudas publicada pola Consellería de Economía e Industria que destinou 1,5 millóns de euros á mellora de investimentos en mercados e en infraestruturas comerciais da provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total destinado á comunidade autónoma”, explicou Cores Tourís.

En concreto, os traballos centráronse na reparación de elementos estructurais da cuberta do edificio do mercado municipal. Deste xeito, reformáronse as cerchas e sustituíronse os tirantes metálicos por cables de aceiro, con reguladores que permitan controlar a súa tensión tanto no momento da instalación como nas revisións periódicas posteriores. Tamén se renovaron os elementos auxiliares da unión como placas ganchos e colocouse un pilar metálico no seu extremo norte e un casquillo de aceiro para reforzar a viga.

En relación a estas obras da praza de abastos de Pontecesures, Cores Tourís recordou que “a adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais, e especialmente, das prazas de abastos, constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio de proximidade, que é un dos motores económicos de todos os concellos”, explicou o delegado territorial. “Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.

Precisamente, un dos eixos desta estratexia é a aposta pola potenciación das prazas de abastos, de titularidade municipal, como motores do comercio de proximidade. “Isto permitirá avanzar na posta en marcha dunha Rede Galega de Mercados de Abastos Excelentes e na súa consolidación como líderes na venda de produto fresco, con novos e mellorados servizos para os consumidores”, rematou Cores Tourís.

3 de xaneiro de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.