Redondela acollerá o ciclo da “Rede de Música Soltas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

rede-musicas-soltas-redondelaA Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da Rede de Música Soltas en Redondela.

A RMS é un ciclo de concertos promovido pola Concellaría de Cultura do Concello de Redondela e organizado por aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, para propostas musicais en pequeno formato ao redor da música popular e os seus universos, e o seu obxectivo é divulgar  proxectos en activo da música popular feita en Galicia.

Na presentación deste programa en Redondela contouse coa presenza de Mauro Sanín, coordinador de aCentral Folque, e Ugia Pedreira, integrante de ACROBATA (o grupo encargado da primeira das actuacións), acompañados polo Concelleiro de Cultura, Julio Alonso Monteagudo.

A Concellaría de Cultura aposta nesta ocasión pola música, completando así a oferta cultural existente no concello, co obxectivo de lle dar continuidade no futuro ás propostas musicais máis interesantes do panorama musical galego.

O ciclo que se vai desenvolver no Auditorio da Xunqueira, un sábado de cada mes até o mes de xuño, inclúe os novos traballos de Caxade, Fran Pérez “Narf” e Radio Cos; actuacións especiais coma a de Kepa Junquera con Xabier Díaz; a inminente estrea de Jazzología ou as cancións “brasilegas” de “Acrobata”, integrado por Fred Martins e Ugia Pedreira. Todas elas son propostas musicais en pequenos formatos interpretadas por músicos galegos, por músicos de fóra de Galicia que botaron raíces aquí ou que teñen un vencello moi especial con esta terra. Son músicas de autora, de autor, de raíz, reinterpretacións de músicas populares, de diferentes estilos e pobos,… música viva e actual que nos fará vivir e movernos.

Os concertos celebraranse un sábado de cada mes ás 21 h no Auditorio da Xunqueira, e o prezo da entrada única é de 4 €.

A venda de entradas realizarase dúas horas antes de cada concerto, e poderanse adquirir tamén con dous días de antelación a partir do segundo concerto.

A programación completa é a seguinte:
11 de xaneiro: ACROBATA
15 de febreiro: RADIO COS
15 de marzo: CAXADE
12 de abril: JAZZOLOGíA
17 de maio: NARF
14 de xuño: KEPA JUNQUERA + XABIER DÍAZ

8 de xaneiro de 2014 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.