Rebeca Blanco Rotea dará a coñecer o Castelo de Santa Cruz na Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

Mañá, 24 de xaneiro, no Bar Celtic da Guarda ás 20h levarase a cabo a segunda conferencia dentro do ciclo das Barferencias sobre o Castelo de Santa Cruz. Baixo o título de: “O Castelo de Sta. Cruz na paisaxe fortificada transfronteiriza do Baixo Miño”, farase un percorrido da man de Rebeca Blanco Rotea pola historia dun  xigante que estivo oculto durante algo máis de 150 anos.

Rebeca Blanco Rotea, licenciada en xeografía e historia pola Universidade de Santiago de Compostela, xa estivo presente na reapertura do Castelo o pasado 6 de decembro explicando os distintos espazos e o seu uso anterior. Especialista en Arqueoloxía e Historia da Antigüedade destaca pola súa labor investigadora nos últimos anos. Actualmente está contratada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)  adscrita ao Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) con cargo ao Programa de investigación en tecnoloxías para a valoración e conservación do patrimonio cultural.

Ata o momento centrouse no estudo das construcións históricas dende unha perspectiva arqueolóxica, aplicando e desenvolvendo metodoloxías de análise propias da arqueoloxía ao estudo da arquitectura. Pero o que a fai unha verdadeira especialista do Castelo de Santa Cruz foi o seu interés e análise das paisaxes fortificadas fronteirizas galaico portuguesas.

23 de xaneiro de 2014 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.