Presentación do curso de ‘monitor de fútbol base’ en Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportes
A-
A+

Hoxe celebrouse na Casa do Concello o acto de presentación do curso federativo de ‘Monitor de Fútbol Base’ organizado polo Alondras C.F.. Ao acto asistiron o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, o presidente do Alondras Luis Guimeráns, o responsable da Escola Galega de Árbitros Manuel Mosquera, os adestrador Rafael Outeiral, o técnico do Alondras Manolo Tomé e o colexiado Arturo Díaz.

No acto Guimeráns sinalou que esta iniciativa “nace froito da demanda existente de este tipo de formación, non só en Cangas senón que en toda a comarca”. Neste senso destacou a colaboración da Federación Galega de Fútbol e da Escola Galega de Adestradores así como ao Concello de Cangas por ceder instalacións municipais para o desenvolvemento desta actividade.

Por outra banda o responsable da Escola Galega de Adestradores e adestrador do Laracha C.F. Manuel Mosquera sumouse aos agradecemento á administración local así como  manifestou o oportuno deste tipo de iniciativas “para que as bases conten cos mellores profesionais”. “É necesario marcar unhas pautas e uns valores deportivos que sirvan de referencia para todos os adestradores”, “temos que borrar a idea de que para adestrar aos cativos serve calquera xa que a súa labor transcende máis alá da faceta deportiva sendo sobre todo un formador do deportista”, declarou. Ademais sinalou que para a próxima tempada 2014-2015 será requisito indispensable ter este tipo de titulación para adestrar nas categorías inferiores así como o feito de que o curso estará impartido na súa maioría por profesionais locais.

O acto foi clausurado polo alcalde de Cangas José Enrique Sotelo que quixo felicitar aos impulsores desta iniciativa formativa xa que “é unha realidade que en todos os deportes existe unha carencia de formación e aínda chama máis a atención e deportes maioritarios como o fútbol”. O rexedor tamén sinalou a enorme afición dos cangueses polo deporte, “hai poucos pobos que poidan presumir de ter 38 clubs e ao redor de 4.000 licenzas deportivas en distintas modalidades, o que significa que un 15% dos cangueses practica algún tipo de deporte federado” declarou.

O curso constará de 65 horas lectivas que terán unha parte técnica que será impartida polo adestrador  Rafael Outeiral, outra parte táctica que estará a cargo do adestrador do Alondras C.F. Manolo Tomé, unha adicada a preparación física que a dará o adestrador do Compostela S.D. Alfredo Álvarez e outra de regulamento que será impartida polo colexiado Arturo Díaz. Ademais abordaranse materias complementarias referidas a medicina, psicoloxía ou lexislación. As clases terán lugar os luns e os mércores con dúas clases, unha de 08.15 a 10.30 e outra de 10.45 a 11.00 horas. Outeiral sinalou que “o obxectivo é marcar unha metodoloxía de traballo, poñendo unhas prioridades segundo a idade do neno ou da nena”, ademais de lembrar que os destinatarios desta iniciativa son aqueles apaixonados por este deporte que non teñen ningún tipo de formación regrada.

O prazo para matricularse comezou hoxe e rematará o próximo 17 de febreiro, día de inicio do curso, que será impartido nas instalación do Centro de Estudios Cangas S.L. na avenida de Bueu. Só hai 25 prazas polo que seguirase un rigoroso orde de inscrición. Para formalizar a matrícula será necesario achegar a seguinte documentación: fotocopia do DNI (anverso e reverso), dúas fotografías tamaño carné (co nome detrás), o anexo de inscrición e o xustificante de pago de 150 euros que deben ser ingresados na conta da Federación Galega de Fútbol nº 2080-5199-68-3040007955. Os interesados deben enviar unha copia da documentación ao correo electrónico escuelagallega@gmail.com e os orixinais coas fotografías no Centro de Estudios Cangas.

Para máis información os interesados deberán achegarse as instalacións do Alondras C.F. ou ao Centro de Estudios Cangas.

17 de xaneiro de 2014 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.