Preparación en primeiros auxilios para escolares, profesorado, pais e nais de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A concellería de Educación e Cultura, en colaboración co Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, organiza nos colexios públicos de Monforte unhas charlas sobre primeiros auxilios.

Esta iniciativa, segundo explica a concelleira Pilar López, pretende proporcionar ó alumnado, ó profesorado e ós pais e nais, uns coñecementos básicos para poder actuar correctamente en caso de que se producise algún tipo de contratempo: desmaios, feridas, golpes por caídas, etc…

As charlas comezarán a impartirse no CEIP Monforte o vindeiro luns día 27 de xaneiro, co calendario e os destinatarios que se especifican a continuación:

Luns 27 ás 16:00 horas, charla para os pais e nais.

Martes 28 ás 15:25 horas, un grupo de alumnos/as de 5º de primaria.

Mércores 29 ás 15:25 horas, un grupo de alumnos/as de 5º de primaria.

Luns 3 de febreiro ás 15:25 horas, un grupo de alumnos/as de 6º de primaria.

Martes 4 de febreiro ás 15:25 horas, un grupo de alumnos/as de 6º de primaria

Martes 4 de febreiro ás 17:15 horas, charla para o profesorado.

O desenvolvemento destas charlas enmárcase no Convenio de Colaboración establecido entre o Concello de Monforte e o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, que ten como principal obxectivo fomentar a cooperación entre ambas entidades, establecendo un intercambio de información, recursos, programas de formación e proxectos en favor da cidadanía.

Segundo se recolle no Convenio, ámbalas partes están interesadas na mellora da calidade de vida e saúde da cidadanía no Concello de Monforte, mediante a realización de actividades e programas de Educación e Promoción da Saúde.

O Convenio estipula que o Concello de Monforte se compromete a asumir as achegas que crea oportunas para levar a cabo as actividades planificadas, mentres que o COE se compromete a prestar ó Concello de Monforte o asesoramento, información e apoio técnico, para o desenvolvemento das actividades e formación específica.

24 de xaneiro de 2014 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.