Posta en marcha da comisión xestora da Cámara de Comercio de Ferrol
A Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria vén de ditar como organismo tutelante a resolución pola que se designa a Comisión Xestora para a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, que terá como principal función devolver os órganos de goberno ao ente, mediante a convocatoria de eleccións, así como atender á xestión ordinaria da Cámara.
Tras darlle audiencia tanto á propia Cámara de Ferrol como ao Consello Galego de Cámaras, procédese agora á posta en marcha da Comisión Xestora, que seguindo a normativa, estará composta polo mesmo número de membros que compoñen o Comité Executivo do ente, un total de nove persoas.
Sete destes membros serán nomeados polo organismo tutelante en representación da Administración entre funcionarios vinculados coa materia, e outros dous serán designados polo Consello Galego de Cámaras. Este organismo ten agora un prazo de cinco días hábiles, que comezarán a contar unha vez recibida a correspondente notificación, para comunicar á Dirección Xeral de Comercio as dúas persoas que formarán parte da Comisión Xestora representando ás cámaras galegas. Unha vez efectuado este nomeamento, procederase á convocatoria da sesión constitutiva da Comisión Xestora e a súa entrada en funcionamento.











