Pontevedra xa ten todo ultimado para dar a benvida aos Reis Magos
A Concellaría de Festas xa ten totalmente ultimada a benvida que lle dará aos Reis Magos de Oriente que volverán a visitar Pontevedra o vindeiro domingo, 5 de xaneiro. Como vén sendo habitual, recollerán en persoa as peticións dos nenos nunha recepción oficial no Pazo de Mugartegui, e pola tarde participarán na tradicional Cabalgata que será a última aparición pública dos Reis Magos antes de visitar, pola noite, os fogares de todos os nenos pontevedreses. A chegada dos Reis Magos está prevista ás 10.45 horas cando partirán da Casa Consistorial en dirección ao Pazo de Mugartegui e iniciar a recepción oficial. Irán acompañados de todo o seu séquito ademais dunha parte dos agasallos que pola noite entregarán nas casas dos nenos. Chegarán a cidade en cabalo (aínda que poderá variar en función das condicións climatolóxicas). Xa no Pazo de Mugartegui, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores dará a benvida a Pontevedra aos Reis Magos. A recepción oficial comezará ás 11.00 horas e rematará arredor das 14.00 horas. Logo, as súas maxestades retiraranse a descansar até a saída da cabalgata prevista ás 18.00 horas dende a rúa José Malvar. Na Cabalgata os Reis Magos de Oriente irán acompañados dunha extensa comitiva, que estará aberta e pechada pola Policía Local. Estará integrada polas seguintes carrozas e grupos:
• Banda de Música de Salcedo
• Bombeiros
• Grupo de Cabalería
• Troula: “Chegan os indios”.
• Carroza Superheroes
• Art-Monium: “Tres dragóns”.
• Grupo folclórico “Os de algures”
• Rivel: “Burbullas douradas”
• Carroza Paxaro e foca
• Rivel: “Paiasos”
• Charanga Charandonga
• Art Monium: Cinco cabezudos e o cabaleiro
• Carroza Popeie
• Bonecos de neve
• Charanga Apeles
• Rivel: “Con rodas e toleando”
• Carroza Nemo
• Agrupación folclórica Airiños da Fracha
• Grupo de pastores
• Camelos
• Art-Monium: “Carboneiros”
• Carroza do Rei Melchor
• “Séquito de Urso”
• Grupo Folclórico “Os Alegres”
• Troula “Brancaneves e os sete enaniños”
• Carroza do Rei Gaspar
• Rivel “Adornos e agasallos de Nadal”
• Art Monium “Percusionistas e bailaríns”
• “As xirafas”
• Carroza do Rei Baltasar
• Troula “As pompas de Nadal”.











