Ponte Caldelas publica o calendario fiscal de 2014 con medidas mais levadías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas fai público o calendario fiscal do 2014 aprobado polo ORAL co fin de que os veciños coñezan coa suficiente antelación as datas nas que deberán facer fronte a estes pagos e téñanos en conta dentro das súas previsións económicas. Así mesmo, co fin de que poida ser máis levadío o facer efectivos estes tributos de carácter periódico, a administración local habilita fórmulas de fraccionamiento no pago para maior comodidade do contribuínte para algúns tributos.

En canto ao Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM, a popular viñeta) porase a cobro voluntario entre o 5 de abril  o 5 de xuño, cargándose en conta bancaria o 5 de maio, en caso de ter o recibo domiciliado. O Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) porase a cobro entre o 5 de setembro e o 5 de novembro. En caso de domiciliación bancaria cargarase en conta o 5 de novembro.

NOVIDADE NO IBI QUE SE PODERÁ PAGAR EN DOUS PRAZOS

Polo que respecta ao Imposto sobre Bens Inmobles (IBI, antigo recibo da contribución), con carácter ordinario será efectivo nun só recibo anual, iniciándose o período voluntario entre o 1 de agosto e o 15 de outubro, que se cargará en conta o 2 de outubro para os recibos domiciliados. Como novidade para este ano o ORAL habilitou a posibilidade de facelo efectivo en dous prazos sen intereses, que se abonarían o primeiro, o 1 de agosto e o segundo, o 1 de outubro. Para iso será necesario que o contribuínte o solicite ante as oficinas do ORAL, ben nas dependencias municipais os venres ou ben nas oficinas centrais do ORAL en Pontevedra.

RECIBOS DO LIXO

Co fin de mitigar ao máximo os efectos derivados da subida do canon de SOGAMA, a partir deste ano 2014 os recibos correspondentes ao cobro do servizo de recollida de lixos efectuaranse con periodicidade semestral, de tal forma que se emitirán dous recibos ao ano para que sexa máis levadío o deber de facer fronte ao pago que ten o contribuínte, sendo o primeiro entre o 7 de maio e o 7 de xullo (correspondente ao primeiro semestre do ano 2014) e o segundo entre o 30 de outubro e o 30 de decembro (correspondente ao segundo semestre do ano 2014). En caso de domiciliación bancaria cargaríanse os días 5 de xuño e 5 de decembro respectivamente. O importe de cada recibo semestral será de 40 € para as vivendas do centro urbano e 29 € para as vivendas dos núcleos rurais.

Doutra banda, o alcalde explicou o sucedido durante o ano 2013 no que en marzo se cobro o recibo anual correspondente a 2012 e en decembro o correspondente ao ano 2013. Tratábase de regularizar o cobro dos recibos do servizo de recollida de lixos dentro o exercicio económico ao que corresponden, tal e como esixe a lexislación tributaria. Desta maneira corríxese unha situación anómala derivada de que no ano 2007 non se emitiron nin se pasaron a cobro, por un erro alleo ao Concello, os recibos correspondentes a ese exercicio pasando a facerse en maio do 2008.

Desde esa data viña arrastrando un desfasamento que se mantivo até agora, que se corrixiu co cobro en marzo dos recibos correspondentes ao ano 2012 e no último trimestre de 2013 os do exercicio que acaba de concluír. Esta medida tomouse para cumprir coas esixencias da lexislación tributaria e garantir que as taxas se paguen dentro do exercicio económico ao que corresponden.

O alcalde, Perfecto Rodríguez, lamentou profundamente as molestias e problemas causados aos cidadáns con esta medida, pero que foi preciso acometer para corrixir un desfasamento que viña arrastrando desde o ano 2007 por erros alleos a este Concello.

O rexedor lamenta tamén a actitude demagóxica do PSdeG-PSOE que, coñecedor desta circunstancia e da necesidade de axustar os cobros á legalidade, sementa dúbidas sobre a solvencia do Concello e as razóns últimas que motivaron esta medida regularizadora adoptada este ano.

AUGA, REDE DE SUMIDOIROS E DEPURACIÓN

Doutra banda os recibos correspondentes ao servizo municipal de auga, así como os correspondentes ao servizo de rede de sumidoiros e depuración serán emitidos por VIAQUA (antiga AQUAGEST) trimestralmente, no mes posterior ao trimestre finalizado, de acordo aos consumos realmente efectuados.

Así a finais de xaneiro comezarán a emitirse os recibos correspondentes ao último trimestre do ano 2013 cargándose as domiciliaciones na 2ª semana de febreiro. Posteriormente a finais dos meses de abril, xullo e outubro emitiranse os correspondentes ao tres primeiros trimestres de 2014, e a finais de xaneiro de 2015 os correspondentes ao último trimestre do 2014. Nestes casos o período voluntario será tamén de 60 días e cargaranse as domiciliaciones a 2ª semana dos meses de maio, agosto e novembro.

Nestes recibos van incluídos algúns tributos que non son municipais, senón autonómicos, como o canon da auga e o coeficiente de vertedura, que aínda que legalmente téñense que cobrar co recibo municipal da auga, son ingresados posteriormente na Xunta de Galicia.

 

17 de xaneiro de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.