Ponte Caldelas aproba a liquidación do 2013 cun remanente de tesoureria de 182.692 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas aproba a liquidación do exercicio 2013, que será remido ao Ministerio de Facenda, cun remanente de tesouraría para gastos xerais de 182.692 euros. Estes datos avalan o rigor económico da xestión municipal, cuestión que está a permitir cumprir todos os requisitos marcados polo Goberno sen que se vexan minguados  os servizos públicos municipais que presta o Concello aos cidadáns.

A intención do alcalde, Perfecto Rodríguez, era destinar o remante de 182.692 euros a financiar o plan de investimentos do orzamento do 2014 (en fase de remate na súa elaboración definitiva), tal e como se fixo o pasado exercicio, evitando así acudir a unha nova operación de préstamo coa caixa de anticipos da Deputación de Pontevedra.

Con iso, Perfecto Rodríguez pretendía conseguir a redución, aínda maior, da débeda pública do Concello en 2014, a cal se sitúa actualmente no 41% dos recursos ordinarios do Concello (incluíndo xa a operación de crédito prevista para 2014), lonxe por tanto do límite establecido polo Ministerio de Facenda, do 75%. De poder financiar o plan de investimentos do 2014 con este remanente, a débeda pública do Concello de Ponte Caldelas reduciríase ao 36 %, menos da metade do máximo aprobado por orde ministerial.

No entanto, a rixidez da normativa actual, que regula a estabilidade orzamentaria, non permite inicialmente destinar ese remanente a investimento, senón que debe enviarse a reducir a débeda. Para o alcalde “isto é algo absurdo porque os préstamos que ten o Concello actualmente son perfectamente asumibles, ao tratarse na súa maioría de anticipos coa Deputación e sen intereses, ou con entidades financeiras a un interese moi baixo. Con todo, esa normativa obríganos a amortizar eses préstamos e pedir novos préstamos para financiar os investimentos de 2014. Non ten ningún lóxica pero é o que hai”.

“De todos os xeitos, —manifestou Perfecto Rodríguez— estamos pendentes de que se aprobe unha nova normativa que estableza os requisitos para poder utilizar ese remanente en investimento, pero mentres tanto temos que prever unha nova operación de crédito no orzamento de 2014, polo si ou polo non non nolo autorizasen”.

Por outra banda, o alcalde sinalou que este resultado positivo nas contas municipais vén referendar a política de austeridade e rigor orzamentario adoptado polo equipo de Goberno “o que fai que Ponte Caldelas teña un nivel de saneamento económico importante, moi afastado dos máximos previstos polo Ministerio de Facenda, o que dá boa idea da capacidade de xestión xa que, pese ao esforzo realizado non se viron diminuídos os servizos de atención cidadá, políticas sociais, apoio a iniciativas culturais e deportivas, actividades festivas, etc.”

31 de xaneiro de 2014 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.