Ponte Caldelas acomete obras de mantemento nos centros escolares aproveitando o parón lectivo de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

Operarios municipais ultiman os traballos de mantemento nos centros educativos do municipio dentro do programa de actuación deseñado polo Concello de Ponte Caldelas co fin de proceder ao pintado de aulas e corredores no CEIP Cordo Boullosa, así como a realizar reparacións, sobre todo de carpintaría, no CEIP da Reigosa.

Estas actuacións obedecen ás peticións realizadas polas respectivas comunidades educativas e acométense agora aproveitando o parón lectivo do Nadal.

O Concello de Ponte Caldelas mantén unha disposición especial a atender as demandas en materia de reparacións e mantemento dos centros educativos do municipio co fin de que os alumnos de ensino público poidan cursar os seus estudos nas mellores condicións posibles.

Algunhas actuacións realizáronse este verán no cal se procedeu, no CEIP Cordo Boullosa de Ponte Caldelas, a ampliar e pintar varias aulas despois de que operarios municipais procedesen a demoler varios armarios de obra en desuso que permitiu unha maior amplitude nas zonas lectivas do edificio educativo.

Así mesmo, tamén antes do inicio do presente curso escolar, procedeuse no CEIP da Reigosa a reparar a fachada lateral do edificio, moi afectada por efectos das incidencias meteorolóxicas, e que precisaba dunha urxente intervención que se acometeu en colaboración coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Agora durante o parón do Nadal están a completarse estes labores de pequenas reparacións e mantemento en ambos os centros.

 

2 de xaneiro de 2014 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.